Os libros de Ledicia Costas chegan ao búlgaro

Desde Sermos Galiza:
Ledicia Costas é unha das autoras de maior proxección da literatura galega. As aventuras de Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais, 2014) conquistaron lectoras por toda a parte. O seu libro de 2016, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (Xerais), dá agora proba da súa potencia: acaba de publicarse en búlgaro.
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta está construída a partir das relacións entre o célebre autor francés e a cidade de Vigo -onde naceu, en 1979, a propia Costas. Dirixido a unha audiencia xuvenil, conta con versións en castelán, catalán e italiano, amais da galega orixinal e a recentísima en búlgaro.
Mais as viaxes das obras de Costas a outras linguas non paran en Europa. Escarlatina, se cadra o seu personaxe máis coñecido, ten -dende hai uns meses- versión coreana, da man da editorial Pink Whale. E tamén está anunciada a súa aparición en búlgaro.
Traducida a numerosos idiomas, a literatura de Ledicia Costas é unha premiada escritora. En 2017 gañaba por segunda vez o prestixioso Premio Lazarillo, convocado para todas as linguas do Estado, con A balada dos unicornios, despois publicada en Xerais e, até o intre, o seu último libro.”