Artigo de Ánxela Lema París na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Celebrar o singular, a saída dos marcos estritos e censuradores, represores. Festexar o esforzo por crear outros imaxinarios, outros relatos sobre como entender os praceres e o erotismo. A romaría é sempre unha boa nova e chegou da man de Desequilibras e caer, de Cristina Ferreiro Real, un dos poucos casos da primeira década deste século que presenta unha poética rupturista nun eido aínda fortemente marcado pola heteronormatividade como é o erótico.
Ferreiro, alén de presentarnos unha sexualidade empoderada, rematada en A, consegue que deixemos de lado a importancia do ti ao que o eu se dirixe porque, como deixa claro, non atende a categorías. Ou quizais si, quizais si que atende a elas mais non entende, xustamente, a maneira estipulada de as comprender, motivo polo que se me ocorre pensar que tres das letras que compoñen o título aparezan marcadas en vermello na capa do libro. DIC como presentación do dicionario erótico que significa o poemario no que o eu se declara “omnisexual” e non ten vergonza de expoñer o seu corpo “blando e suave” porque ha “ser a máis guapa/ sen maquillaxe/ polimórfica perfecta e orgásmica”.
Porque disto trata o glosario erótico que Ferreiro nos presenta, de que nos “amen en diagonal” e nos deixemos levar. De rachar coas etiquetaxes que o heteropatriarcado tan ben deseñou para ter os desexos ben ordenados nun catálogo no que a diversidade, o plural, non teña espazo. Por iso o eu desta obra sabe ben os prefixos que debe empregar e fala sempre desde o omni- e o poli-, desde o abundante e a varidade, desde o mixto e as vontades de experimentar. (…)”