Desde Galaxia:
“A finais do pasado 2018, soubemos que Marcos Calveiro fora recoñecido co Premio San Clemente na categoría en galego por O xardineiro dos ingleses, unha das novelas máis aclamadas pola crítica no 2018 e merecedora tamén do Premio Manuel García Barros 2017. E o 20 de marzo tivo lugar a entrega do galardón no Auditorio Abanca de Compostela, que contou coa presenza dos premiados nas outras dúas categorías: o arxentino Pedro Mairal, en español, e surcoreana Han Kang, en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Neira Vilas (Oleiros), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Xoán Montes (Lugo), o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o Hockerill College (Londres), o Saint François Xavier (Vannes), o Grimmelshausen Gymnasium (Gelnhausen), a Escola Secundaria de Santa Comba Dao e o Colexio Rosalía de Castro de Moscú.
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.”