Desde a Real Academia Galega:
“A detención de Celso Emilio Ferreiro no ano 1937 serve de punto de partida para a nova entrega do gran proxecto da historia da nosa literatura iniciado por Xosé Ramón Pena en 2013. O autor presentou Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A “longa noite” na Real Academia Galega, acompañado do director de Xerais, Fran Alonso, e de Xesús Alonso Montero. O académico gabou o rigor e a riqueza documental que ofrece en toda unha serie que presenta “o discurso literario galego desde Mendiño ata hoxe mesmo”, demostrando un dominio da historia da literatura no seu conxunto cada vez máis difícil de atopar, salientou. Un percorrido desde o século XIII pola historia das nosas letras que ten ademais ánimo divulgativo, capaz de achegala a diferentes públicos, engadiu Fran Alonso. (…)
A cuarta entrega alicerza unha narración documentada desde o comezo da guerra civil ata finais de 1975, o tempo da “longa noite de pedra”, en palabras de Celso Emilio Ferreiro, pero tamén, nos últimos anos da ditadura, un momento en que se anunciaba o segundo rexurdimento das letras galegas que se produciría coa chegada da democracia. “Nestes anos, malia referirse á literatura realizada durante o franquismo, o número e a importancia dos textos vai en aumento, sobre todo a partir da década dos 60. Medra, polo tanto, a bibliografía que hai que tratar e a investigación con respecto ás etapas anteriores”, indica o autor.
O maior número de obras e de bibliografía sobre elas non foi a única complexidade desta obra. “Foi agradable escribir sobre autores que cheguei a coñecer e a tratar, pero por outro lado iso produce certo medo, porque un quere ser especialmente coidadoso e unir esa relación coa necesaria obxectividade”, confesa Xosé Ramón Pena. (…)”