XXXVIII edición do Premio Blanco Amor de Novela Longa

“Ante a necesidade de proceder á convocatoria da XXXVIII edición do Premio Blanco-Amor de novela longa, unha vez vista a proposta de bases elaboradas conxuntamente polos servizos provinciais e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, e de conformidade coa proposta formulada, a Xunta de Goberno, adopta o seguinte acordo:

1º.- Aprobar as referidas bases e convocar o XXXVIII Premio Blanco-Amor de novela longa, consonte coas seguintes cláusulas:
Primeira.- Poderán participar nel todos os autores e as autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Segunda.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.
Terceira.- As obras presentadas terán que ser inéditas.
Cuarta.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior Para o XXXVIII Premio Blanco-Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e o enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Quinta.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o venres 16 de setembro de 2019, cento vinte e dous aniversario do nacemento, en Ourense, de Eduardo Blanco-Amor.
Sexta.- O xurado do premio será nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, e estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. Facúltase ao xurado para a interpretación e integración das posibles dúbidas nestas bases en todo o relativo á concesión do premio.
Sétima.- O premio estará dotado con 15.000 € e unha obra escultórica.
Oitava.- O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.
Novena.- O xurado reunirase con tempo suficiente antes da entrega do premio e fará pública a súa decisión, perante os medios de comunicación.
Décima.- A concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra. A dita edición deberá realizarse nun prazo máximo dun ano dende a data da entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo.
O gañador deste premio comprométese a participar en cantas presentacións do libro lle requira a Deputación de Ourense ou a Fundación Eduardo Blanco-Amor, ata un máximo de dez.
As obras non premiadas devolveránselles aos/ás autores/as que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. En caso de non recollerse dentro deste prazo os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.- A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, o domingo 1 de decembro de 2019, corenta cabodano do autor de A Esmorga.
Décimo segunda.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan estas bases.”