Xerardo Quintiá Pérez gaña o II Premio Fina Casalderrey, convocado por Baía Edicións, co conto O País do Gran Furado

“O Xurado, formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, colaboradora de medios de comunicación, membro do consello de redacción da revista Andaina e administradora da revista Luzes, Montse Pena Presas, profesora da USC, escritora, colaboradora de medios de comunicación e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Pilar Sampedro Martínez, especialista en xestión de bibliotecas escolares / literatura infantil e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á obra presentada baixo o lema O País do Gran Furado.
Aberta a plica correspondente, a mesma resultou corresponder á presentada polo escritor friolés Xerardo Quintiá Pérez, que leva como título definitivo O País do Gran Furado.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«O País do Gran Furado é unha obra que resalta polo seu humor irreverente, pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para procurar a igualdade.
Ademais, a resolución de conflitos desde unha perspectiva pacifista e a través da palabra, nunha historia na que Toribia e a súa banda de punk son quen de axudar a outras mulleres, é outro dos grandes acertos deste texto paródico, distópico e humorístico».
O conto emprega a poesía narrativa como recurso moi apropiado para que o público lector ao que vai dirixido (nenas e nenos de 3 a 8 anos) interiorice máis facilmente a mensaxe da súa historia.
A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto antes do mes de outubro e o autor recibirá 5.000 € cos que está dotado este premio. (…)”