Entrevista de Ernesto Is a María Peinado en Erregueté:
“Teatro da Ramboia vén de acadar o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais con O meu Mundo non é deste Reino, “unha proposta de gran coherencia co universo dramático do poeta lugués”, segundo a resolución do xurado. A compañía, formada por María Peinado, Fran Lareu e Anxo García, estreará a obra no próximo mes de novembro con deseño de iluminación de Germán Gundín e técnica de Roi López. A propia María Peinado, directora da montaxe, explícanos en detalle como vai esta nova posta en escena dunha das pezas fundamentais da literatura dramática en lingua galega.
– Erregueté (E): Cal foi o punto de partida do proxecto?
– María Peinado (MP): O proxecto xorde coa vontade de continuar coa experiencia iniciada por Anxo García con Teatro da Ramboia, aló polo 2012. Persegue o obxectivo de xerar un espectáculo multidisciplinar, contrabandeando ideas e imaxes a través das fronteiras existentes entre o teatro de marionetas e outras expresións artísticas. Fran Lareu e eu mesma sumámonos ao equipo coa idea de xerar unha liña de creación que mesture a tradición e a contemporaneidade. Xa traballaramos xuntos os tres noutras ocasións e apetecíanos moito poñer en pé un novo proxecto. Queriamos partir dun autor galego e mentres buscabamos un texto dramático, anunciouse o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Anxo xa coñecía a Farsa de Bululú. Encantounos e pareceunos a oportunidade e o contexto perfecto para afondar en todo o anterior.
– E: O meu Mundo non é deste Reino vai mesturar teatro actoral con monicreques. De que xeito convivirán estas dúas linguaxes na escenificación?
– MP: En realidade, a convivencia destas dúas linguaxes en escena non é algo novidoso. Son moitas as compañías de dentro e fóra do país vinculadas ao teatro de obxectos que teñen traballado isto mesmo ao longo da súa traxectoria. O meu Mundo non é deste Reino explorará os límites entre unha linguaxe e outra, tanto a nivel espacial coma interpretativo. O teatriño expándese e os manipuladores asumen distintos roles dentro da propia dramaturxia. Penso que o propio conflito actor-manipulador, lonxe de ser conflitivo, é algo que de feito ofrece moitísimos xogos escénicos. A importancia non reside tanto no como, senón en seguir a incidir no feito de que o teatro de marionetas admite perfectamente esta vertente. (…)”