A compañía Producións Excéntricas gaña o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, na súa 3ª edición, con Auto do Castromil

Desde a Fundación Manuel María:
“O Salón Teatro compostelán serviu de escenario para a entrega do premio correspondente á 3ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño e de 33 concellos galegos: A Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Culleredo, Gondomar, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, O Barco, O Carballiño, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín e Vilalba.
Nesta 3ª edición o premio recaeu na compañía Producións Teatrais Excéntricas polo seu proxecto Auto do Castromil, realizado sobre a obra homónima de Manuel María. A obra será dirixida por Quico Cadaval e o elenco está composto por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González acompañados de Carlos Alonso na escenografía, Piti Sanz no espazo sonoro e Octavio Mas na iluminación.
O xurado tomou a súa decisión por unanimidade e cualificou o proxecto como “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no Teatro de máscaras de Otero Pedraio, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego”. Resaltou, ademais, que “a obra presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mistura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais propostos, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta unha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular.” Finalmente salientou que “a compañía promotora -Excéntricas- está constituída por un equipo artístico sólido, contrastado e de alta calidade que resulta unha garantía para o desenvolvemento dun espectáculo atractivo de xogo escénico, comprometido, de humor e poesía”.
O Xurado estivo presidido por Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, actuando de vogais María Barcala de Teatro do Atlántico, Fernando Dacosta de Sarabela Teatro, Mónica Camaño, actriz e Manuel Xestoso, crítico teatral. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María.
Este Certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2024.
En relación ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal en canto que o seu aspecto substancial reside na amplísima xira da obra pois partirá con 40 representacións grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4000 euros como axuda á produción e o CDG coproduce o espectáculo. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, resaltou precisamente o feito de que este é un galardón moi singular en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra é a súa difusión pois, ao fin, é o que máis desexa unha compañía profesional: chegar ao seu público.”
O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Quico Cadaval, director da obra premiada. Estiveron acompañados por Francisco Javier Núñez, Director do Centro Dramático Galego; por Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela e polo Xurado ao completo.”

Convocada a IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

Desde a Fundación Manuel María:
“A Fundación Manuel María de Estudos Galegos convocou a finais de abril a IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais (achéganse imaxes das bases). Un concurso dirixido para compañías galegas de teatro que ten por obxecto premiar a mellor proposta escénica sobre textos de Manuel María.
Nesta nova edición, alén da colaboración de diversos concellos e Deputacións, tamén se contará coa do Centro Dramático Galego coproducindo a obra gañadora.
O Certame Manuel María de Proxectos Teatrais trátase dun concurso bienal moi especial pois o premio fundamental son as representacións. En concreto, a compañía gañadora recibirá a cantidade de 4000 euros como axuda á produción e o caché correspondente a cada unha das funcións que se realicen nos concellos colaboradores, alén da coprodución do CDG.
O prazo para a presentación dos proxectos finaliza o 30 de setembro de 2022.
Os concellos colaboradores na pasada segunda edición foron A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Santiago, Verín, Vilalba e Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.”

María Peinado: “Non ten sentido unha axuda á produción se despois a compañía non ten funcións”

Entrevista de Ernesto Is a María Peinado en Erregueté:
“Teatro da Ramboia vén de acadar o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais con O meu Mundo non é deste Reino, “unha proposta de gran coherencia co universo dramático do poeta lugués”, segundo a resolución do xurado. A compañía, formada por María Peinado, Fran Lareu e Anxo García, estreará a obra no próximo mes de novembro con deseño de iluminación de Germán Gundín e técnica de Roi López. A propia María Peinado, directora da montaxe, explícanos en detalle como vai esta nova posta en escena dunha das pezas fundamentais da literatura dramática en lingua galega.
– Erregueté (E): Cal foi o punto de partida do proxecto?
– María Peinado (MP): O proxecto xorde coa vontade de continuar coa experiencia iniciada por Anxo García con Teatro da Ramboia, aló polo 2012. Persegue o obxectivo de xerar un espectáculo multidisciplinar, contrabandeando ideas e imaxes a través das fronteiras existentes entre o teatro de marionetas e outras expresións artísticas. Fran Lareu e eu mesma sumámonos ao equipo coa idea de xerar unha liña de creación que mesture a tradición e a contemporaneidade. Xa traballaramos xuntos os tres noutras ocasións e apetecíanos moito poñer en pé un novo proxecto. Queriamos partir dun autor galego e mentres buscabamos un texto dramático, anunciouse o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Anxo xa coñecía a Farsa de Bululú. Encantounos e pareceunos a oportunidade e o contexto perfecto para afondar en todo o anterior.
– E: O meu Mundo non é deste Reino vai mesturar teatro actoral con monicreques. De que xeito convivirán estas dúas linguaxes na escenificación?
– MP: En realidade, a convivencia destas dúas linguaxes en escena non é algo novidoso. Son moitas as compañías de dentro e fóra do país vinculadas ao teatro de obxectos que teñen traballado isto mesmo ao longo da súa traxectoria. O meu Mundo non é deste Reino explorará os límites entre unha linguaxe e outra, tanto a nivel espacial coma interpretativo. O teatriño expándese e os manipuladores asumen distintos roles dentro da propia dramaturxia. Penso que o propio conflito actor-manipulador, lonxe de ser conflitivo, é algo que de feito ofrece moitísimos xogos escénicos. A importancia non reside tanto no como, senón en seguir a incidir no feito de que o teatro de marionetas admite perfectamente esta vertente. (…)”

María Peinado: “Parecíanos moi necesario volver a achegar Farsa de Bululú ao público galego”

Entrevista de Laura Veiga a María Peinado en Sermos Galiza (foto cedida a Sermos Galiza):
“A compañía Teatro da Ramboia foi a gañadora do I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. O proxecto presentado pola compañía —formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín— toma como base un texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista. (…)
– Sermos Galiza (SG): Como foi o proceso de presentarvos ao certame?
– María Peinado (MP): Foi un proceso longo. A Fundación Manuel María fixo unha comunicación ás compañías de teatro e a partir de aí tomamos a decisión de querer presentarnos a esta primeira edición moi rápido porque tiñamos moitas ganas de traballar cun texto da dramaturxia galega. Era unha oportunidade que nos apetecía moito. Pero despois tivemos que elixir o texto que íamos traballar, que finalmente foi Farsa de Bululú, e despois elaborar todo o proxecto e imaxinar como vai ser o espectáculo, a posta en escena.
– SG: Por que Farsa de Bululú?
– MP: A verdade é que foi unha decisión moi sinxela. Conectamos de seguida co texto. Parécenos que segue a ser unha obra moi necesaria hoxe en día, un texto que ao final é unha parodia da ditadura franquista e que, nos tempos que corren, tal e como está o panorama político e social, parecíanos que era moi necesario volver a achegar un texto así ao público galego. É unha obra que serve para reflexionar sobre aquel tempo pasado e entender que é o que está a acontecer agora mesmo.
– SG: A partir de agora, cales son os próximos pasos?
– MP: Quédanos moito traballo para poñer o proxecto en marcha e facelo realidade. É un espectáculo que está baseado no teatro popular e nas formas propias do teatro de marionetas. Entón, agora xa estamos meténdonos no deseño dos propios monicreques e no deseño do teatrillo. Tamén agora meterémonos de cheo na montaxe: empezar a traballar sobre o texto e cos actores.”

A obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais vaise representar en 23 concellos

Desde Sermos Galiza:
“O proxecto presentado pola compañía Teatro da Ramboia está realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista.
A compañía formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín foi declarada gañadora o pasado 28 de novembro no Teatro Rosalía da Coruña. Obtivo un premio de 2.000 euros por parte da Fundación Manuel María e o compromiso pola parte dos concellos e deputacións colaboradoras de que a obra se inclúa na súa programación teatral.
Os concellos adheridos son A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo mentres que as Deputacións son as de A Coruña, Lugo e Pontevedra.
O xurado desta primeira edición do Certame destacou entre os valores da obra o amplo abano de público ao que se dirixe así coma a probada calidade artística do elenco e a diversidade de espazos nos que pode ser escenificada.
Neste caso, estivo presidido polo actor e director Manuel Lourenzo Pérez. Os vogais que tiveron parte na votación foron a produtora e presidenta de Escena Teatral, Belén Pichel, e o actor e director, Francisco Cadaval.”