A regueifa é un modo de improvisación oral propio de Galicia no que dous grupos se retan dialecticamente. Introducindo temáticas como a ecoloxía, a defensa da lingua e, especialmente, o feminismo, traemos a regueifa ao século XXI procurando un discurso actualizado, que promova a igualdade e, á vez, axude a transmisión da lingua galega como ferramenta socializadora.
Este obradoiro estará dirixido por Sara Marchena e Alba María, filólogas e regueifeiras do Proxecto Regueifesta.
HORARIO: xoves 27 de xuño de 17:30 h. a 19 h. no Museo do Pobo Galego.
PÚBLICO: persoas adultas.
PRAZAS: 25.
PREZO por materiais:
Persoas desempregadas e socias/os do Museo: de balde. Para quen non estea nestas situacións: 2€.
INSCRIPCIÓN PREVIA (por orde de chegada): servizosdeac@museodopobo.gal ata o 25 de xuño.
Quen son as docentes?
ALBA MARÍA
Cantora, compositora e improvisadora oral galega. Graduada en Lingua e Literatura Galegas. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Josiño da Teixeira, Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimero cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), monográfico centrado na historia e orixes da regueifa.
SARA P. MARCHENA
Titulouse en Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2017 e na actualidade mestura o estudo da oposición ó ensino coa regueifa, as clases particulares e o debate escolar.
Comezou a súa relación coa regueifa no seu instituto de Vigo no ano 2011 cos mestres Pinto de Herbón e Caruncho nos cursos da asociación ORAL de Vigo e no certame escolar de Valadares. Estando xa en Compostela entra en contacto con Séchu Sende e Manolo Maseda para comezar como colaboradora no Proxecto Regueifesta, no que participou máis activamente durante o curso 2018-2019.
Dende o ano 2017 imparte obradoiros de Regueifa e Improvisación Oral en centros de ensino e asociacións de toda Galiza, con especial atención a Regueifa Feminista ou a perspectiva de xénero dentro do repente galego.
Alba María e Sara comezaron a impartir obradoiros de improvisación oral no Museo do Pobo Galego durante o curso 2017-2018 centrándose especialmente na perspectiva de xénero e no traballo pola igualdade. Este modelo de obradoiro foi levado despois a centros de ensino de diferentes lugares de Galiza, a festivais e asociacións variadas. Xuntas tamén teñen actuado en diferentes eventos como a Poesía Salvaxe de Ferrol.