Entrevista de Montse Dopico a Eduard Velasco en Praza:
“(…) – Praza (P): En relación con iso, os dous personaxes [Os días felices de Benvido Seixas] responden bastante a estereotipos. Sobre todo o dela, no que é se cadra máis esaxerado, mesmo ata non resultarás veces crible. Nese sentido, parecen caricaturas feitas adrede. Era a túa intención?
– Eduard Velasco (EV): Os personaxes poden ser caricaturas pero, que non resultan cribles? E por que teñen que selo? A literatura ten que ser literatura. Ademais, se ollamos a realidade, que é o crible? Por exemplo, un empresario galego que funda un medio de comunicación en galego e que desaparece do mapa deixando débedas e salarios sen pagar, que marcha para Formentera, que ten unha empresa á que lle pon o nome en castelán -podía poñerllo en galego, xa que era independentista-… Pois iso é realidade. E a literatura, como dicía, é literatura: non é escribir un informe ou facer de notario.
– P: Nos dous personaxes hai un certo ocultamento inicial -e un cuestionamento posterior- pero el mantena a ela enganada. No xogo del -aínda que ela lle gusta de verdade- hai unha actitude que, se estivese a novela situada noutro tempo, podería ser por exemplo o clásico engano do señor á criada -gústalle, pero tampouco “tanto”-. Desde esta perspectiva, pódese ver maltrato, relación de poder… Mais se cadra non era tampouco a túa intención.
– EV: Pois, como diciamos antes, non me corresponde a min interpretar a novela. E claro que unha rapaza coma Mariña pode meterse nunha relación desigual que acabe levando a unha situación de maltrato -que neste caso non é físico-, pode meterse nunha relación que acaba sendo destrutiva para ela.
E un rapaz novo e posicionado co feminismo na loita contra o patriarcado pode acabar maltratando unha rapaza, ou sendo maltratado el mesmo. Todas as persoas podemos acabar nunha situación de maltrato ou de desigualdade nas relacións. E si é algo sobre o que debemos reflexionar, e sobre o que hai que falar aos adolescentes… Mais non era o meu obxectivo falar diso, non. (…)
– P: En canto a como está escrita, a estrutura é bastante lineal, aínda que a voz narradora vai alternando, sen transicións, o relato do que lles pasa aos dous personaxes. Despois hai moito diálogo… Supoño que o que buscaches é que fose unha novela áxil.
– EV: Si, a voz narradora vai falando primeiro dun personaxe e despois do outro, pero iso non é máis que unha técnica moi básica, dun autor principiante, que é o que son. Si que quixen que quen lea a novela se sinta cómodo, que resulte áxil, que poida lerse ben, que flúa, que soe ben: que estea ben escrita en canto a riqueza, vocabulario… Si que quixen que houbese axilidade, pero iso non significa que teña que haber pobreza. Ademais, a literatura faise con palabras, non con historias ou con ideas. (…)”