Desde o Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) repón no Salón Teatro de Santiago o seu espectáculo Neorretranca e posmorriña, dirixido por Gena Baamonde, que poderá verse na sede da compañía pública entre mañá xoves e o vindeiro domingo, antes de se despedir do público o 5 de xullo cunha función no Teatro Afundación de Vigo.
Esta será a segunda estadía da montaxe en Compostela, onde desenvolveu unha primeira quenda do 11 de abril ao 5 de maio para iniciar, a continuación, unha xira por outros seis escenarios galegos. Desta volta, o Salón Teatro acollerá catro novas representacións desta proposta arredor da identidade galega, que inclúe un encontro co público tras o pase de mañá, unha función inclusiva o venres e o domingo de conciliación do día 30, con cambios nos horarios habituais para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,30 h.
Tras a función de mañá, retomarase así mesmo o programa Encontros co Público, posto en marcha polo Centro Dramático Galego para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico das súas producións propias e doutras das propostas exhibidas no Salón Teatro.
Teatro inclusivo
En canto á función do venres, dáse continuidade á aposta da compañía pública por facilitar a inclusión nos seus espectáculos a través da tradución simultánea á linguaxe de signos e a elaboración dun programa en lectura fácil, así como da audiodescrición e da reserva de espazos para cadeira de rodas. Para a organización deste pase, cun prezo especial único de 5 euros, vólvese contar coa colaboración da ONCE, da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).
Ademais, nesta reposición de Neorretranca e posmorriña volverá celebrarse un novo Domingo de Conciliación, un servizo gratuíto pensado para que as nenas e nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo.
Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, impartirá este novo obradoiro na Fundación Granell, onde a cativada pasará unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.
Esta iniciativa, incluída no prezo da entrada, desenvolverase de 19,00 a 22,30 h para un máximo de 30 prazas, que poden solicitarse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (aberto desde mañá ao sábado, de 19,00 a 21,00 h., e o domingo, de 17,30 a 19,30 h.) como no correo centro.dramatico.galego@xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (ata o venres, de 9,00 a 14,00 h.)”