Compostela: Xornada Roberto Vidal Bolaño. Fálanos sempre

A vila imaxinada. Proxectos docentes sobre espazos literarios da provincia da Coruña 2020

A vila imaxinada. Proxectos docentes sobre espazos literarios da provincia da Coruña 2020 é unha iniciativa da AELG co patrocinio e colaboración da Deputación da Coruña.

Explicar a relación entre literatura e os espazos, e definir a relación entre literatura e actitudes, son dous dos cometidos de A vila imaxinada, o novo proxecto publicado pola Asociación de Escitoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) destinado ao estudantado galego para o seu uso nas aulas, que conta co respaldo da Deputación da Coruña. María López SándezAntonio Manuel FragaAndrea Barreira Freije e Roi Vidal Ponte son as/os autoras/es das catro unidades didácticas co seu correspondente vídeo que pretende ofrecer á rapazada outra porta de entrada á literatura. As catro unidades xa están dispoñíbeis na web da AELG.
Pensadas para o seu uso na aula e axustadas a un tempo de 50 minutos, as catro unidades buscan xeitos alternativos de aproximar a literatura ás lectoras e lectores novos, convidando o estudantado a achegarse a ela desde os espazos nos que habita a rapazada e utilizando como referencias aspectos actuais. A colección inicial chega da man de María López Sández, cunha proposta sobre a importancia dos lugares na obra de Rosalía de Castro como reivindicación política e do sublime. A segunda unidade didáctica é a de Antonio Manuel Fraga, cunha proposta organizada arredor da súa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (Urco editora), sobre a necesidade da fantasía na infancia e sobre a relación entre a visión de criaturas mitolóxicas e a catalogación científica. A proposta de Andrea Barreira Freije está baseada no manexo da perspectiva de xénero, tanto histórica como actual, partindo da súa obra Palabra de bruxa (Editorial Galaxia). A cuarta das unidades didácticas que incorporan un vídeo de uso nas aulas é a de Roi Vidal Ponte, quen convida a visitar os lugares da cidade de Santiago relacionados directamente co mundo do teatro, desde o momento en que se estrea Os vellos non deben namorarse até agora.
Cada unha destas unidades didácticas que se converten en actividades a realizar na aula preséntase coa biografía das autoras e un vídeo para proxectar na aula, con duración aproximada de 20-25 minutos, no que as/os autoras/es explican o argumento que elixiron, as súas argumentacións principais, anécdotas relacionadas coa súa escolla e preguntas dirixidas ao alumnado. A unidade inclúe tamén dúas actividades realicionadas argumentalmente coas propostas, adaptadas ao nivel educativo en cada caso e un solucionario cando é necesario.
Como complemento, tamén se ofrece nas unidades proposta de aplicación en distintos niveis educativos, as distintas materias ou días específicos de conmemoracións do calendario docente, que poden ser utilizados a xeito de guía polo profesorado.

As Unidades Didácticas son as seguintes:
– Palabra de bruxa, por Andrea Barreira Freije.
– Un bestiario en Oza, por Antonio Manuel Fraga.
– Paisaxes literarias na obra de Rosalía de Castro, por María López Sández.
– Compoescenas, por Roi Vidal Ponte.

Crónica fotográfica dos Paseos Literarios por Compostela 2020 (no marco da SELIC)

Estas son algunhas das fotografías dos Paseos Literarios por Compostela 2020, enmarcados na SELIC. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Roi Vidal:

Manuel Gago:

María López Sández:

Arantza Portabales:

Paseos Literarios por Compostela. Outono 2020

Os Paseos Literarios por Compostela. Outono 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.

No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020, ten lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.
En todos eles é necesaria a inscrición previa, no enderezo electrónico selic@santiagodecompostela.gal. As prazas son limitadas.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

Compoescenas. Paseo dramático polos escenarios teatrais de Compostela. Roi Vidal Ponte.
Sábado 10 de outubro, 12:00
Punto de partida: Praza da Quintana.

A Compostela Conspiradora. Manuel Gago.
Venres, sexta feira, 16 de outubro, 18:00
Punto de partida: Igrexa de San Fiz de Solovio.

A Compostela xeoliteraria. María López Sández.
Sábado 17 de outubro, 12:00
Punto de partida: Xardíns de Fonseca.

Compostela vermella. Arantza Portabales.
Domingo 18 de outubro, 12:00
Punto de partida: Comisaría de Policía de Santiago de Compostela.

Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020

Ponteareas: actos destacados na Feira do Libro 2020 para os 11 e 12 de xullo

O 12 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior, con horario de 12:00 a 14:00 -o sábado abrirá ás 11:00- e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 11
18:00 h. Carlos Da Aira asina A guerra era contra nós, publicado por Xerais.
19:00 h. Nazaret López asina Formigas nos pés, publicado por Xerais.
21:00 h. Xurxo Lobato asina Galicia é unha festa, edición do autor.

Domingo 12
18:00 h. Elisabeth Oliveira asina Náufragas no mar e na terra, publicado por Urutau.
19:00 h. Roi Vidal asina As máscaras brancas, publicado por Positivas.
20:00 h. Inma López Silva asina O libro da filla, publicado por Galaxia.
21:00 h. Manrique Fernández asina Os anxos indecisos, publicado por Galaxia.

Ponteareas: actividades literarias destacadas na Feira do Libro 2019 para os 11 e 12 de xullo

O Centro Dramático Galego remata mañá no Teatro Afundación de Vigo a xira do espectáculo Neorretranca e posmorriña

Desde o Agadic:
“O espectáculo de Centro Dramático Galego (CDG) Neorretranca e posmorriña remata a súa xira mañá venres ás 20:30 h. no Teatro Afundación de Vigo, onde se despedirá do público tras ter ofrecido unha trintena de funcións en oito escenarios galegos.
Tras a súa estrea o pasado 11 de abril no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago de Compostela, onde levou a cabo dúas quendas de representacións, a compañía pública viaxou coa súa última produción propia a Tui, Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Ourense. Para este derradeiro pase en Vigo, as entradas poden adquirirse xa a través da web entradas.ataquilla.com.
Dez actrices poñen en escena as dúas pezas arredor das que se constrúe esta proposta: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A través delas, o CDG ofrécelle ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que é o punto de partida común de ambos os textos.
Este fío condutor compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. A compañía da Xunta puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Sinopses
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Varias xeracións de actrices en escena
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabel Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as 10 intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballou na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.”