Entrevista de Daniel Salgado a Ledicia Costas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Infamia é unha novela onde hai moita violencia, en diversas variantes: contida, estrutural, explícita, soterrada. Que percibe no mundo que lle fai escribir algo así?
– Ledicia Costas (LC): Eu quería escribir unha historia humana pero sobre violencia. E era consciente, cando estaba traballando, de que estaba facendo unha historia sobre violencia. Creo que nesta sociedade hai moitísima e quería escribir sobre esa violencia, tanto estrutural como doutro tipo, a violencia física explícita, que nos rodea. Son unha autora implicada na sociedade na que vivo e creo que a literatura tamén ten que ser un relato social, ten que axudar a construír o relato social e a comprender a sociedade na que vivimos.
– SG: Na súa recoñecida obra infantil e xuvenil adoita empregar elementos fantásticos. Porén, na publicada en coleccións para adultos o estilo é realista. É premeditada esta distinción?
– LC: Creo que é unha coincidencia. Porque ao final as miñas obras en coleccións infantís e xuvenís, aínda que teñan moito de fantasía, tamén falan de conflitos sociais. O que pasa é que tanto en Un animal chamado néboa (Xerais, 2015), en que quería falar explicitamente sobre episodios moi concretos da Segunda Guerra Mundial, como nesta, quería contar historias moi apegadas ao mundo real. Pero é unha coincidencia. Non é que faga unha distinción cando escribo infantil e xuvenil. De feito, teño obras de infantil e xuvenil que son realismo social, como Unha estrela no vento (Xerais, 2000), que escribín cando tiña 16 anos, ou mesmo O corazón de Xúpiter (Xerais, 2012), que fala sobre o ciberacoso e o acoso escolar. En Infamia quería escribir unha obra de corte social, moi apegada á realidade. Non sei se no futuro me atreverei a facer unha obra para adultos onde haxa fantasía.
– SG: Di que a literatura debe construír relato social. En Infamia aparecen o machismo, o poder policial, a homofobia, a corrupción na Igrexa. Unha novela pode funcionar como instancia de denuncia?
– LC: Ás veces teño a impresión de que a miña visión da literatura é un pouco utópica. Pero creo que si, que a literatura debe servir como instrumento de denuncia. É unha percepción moi persoal. De feito hai cousas que eu trato nesta obra que están saíndo agora, como a pederastia no seo Igrexa católica. A literatura ten o dereito a denunciar, xa non digo a obriga, porque logo cada autora e autor fai o que considera. Mais polo menos eu como autora teño o dereito de falar e de denunciar cousas que suceden a través da literatura. (…)”