Entrevista de Daniel Salgado a María Xosé Porteiro en Sermos Galiza:
““A emigración é unha parte fundamental da nosa historia para comprendermos como chegamos aquí”, explica Porteiro a Sermos Galiza, “desde o século XIX e en boa parte do XX fomos un pobo que se baleirou e axudou a construír outras sociedades, sen rachar o vínculo coa casa”. Como o irlandés, como o italiano, como o xudeu, sinala, antes de se confesar “froito desa situación”.
Filla de pai galego simpatizante revolucionario e nai asturiana, viviu desde o seu interior os acontecementos decisivos do século XX. E relata que a súa ollada é “peculiar, distinta da doutros galegos emigrados en Cuba que se sentiron desposuídos pola Revolución”. Subxace no texto de Sándalo, case 400 páxinas cuxos episodios suceden entre 1823 e 2015 en contextos históricos reais.
“A mirada sobre a emigración galega pode ser sociolóxica ou podemos incorporala ao noso relato histórico normal”, entende, “se facemos socioloxía, estamos facendo chacinaría, despezando a historia. E, ao cabo, a bisbarra máis próxima a Galiza por occidente son as Antillas, como polo sur é Portugal”. En Sándalo, Galiza e Cuba entretécense sen solución de continuidade, adiante e atrás na axitada historia dos dous países.
“O meu coñecemento directo de Cuba -o primeiro que aprendín na miña vida-, e o de Galiza -que adquirín a partir dos 14 anos”, di, “servíronme para aprender que a historia de Galiza escribiuse moitas veces en Cuba. Os galegos estivemos alí facendo cousas que aquí non podiamos facer: por exemplo saber quen somos, dotarnos de bandeira, de himno, explicar por que nos consideramos patria”. (…)”