Ledicia Costas: “O libro xurdiu ao fio da actualidade, a medida que saíron casos como o da Manada”

Entrevista a Ledicia Costas na web A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Canto tempo levas con Infamia na cabeza?
– Ledicia Costas (LC): Creo que Infamia naceu hai dez anos, cando asasinaron a Marta del Castillo. O seu caso a verdade que me traspasou porque nunca apareceron os asasinos, nunca confesaron onde estaba, eses pais que non poden soterrar a súa filla… Foi un caso que se demorou moito e eu volvía a el, unha e outra vez. Xa hai tempo que pensaba que me gustaría escribir unha historia dunha desaparición sen cadáver… esa idea quedou na cabeza carburando e ao final me atrevín cunha dobre desaparición. O libro xurdiu ao fio da actualidade, a medida que saíron casos como o da Manada.
– AM: A verdade que a trama central do libro recorda ao caso da Manada.
– LC: Si, quixen poñer ese debate sobre a mesa. E así como hai unha dobre desaparición, hai unha dobre manada, porque está a manada dos rapaces e a dos pais. E o silencio, e como o silencio te fai cómplice. Ás veces o silencio pode ser tan terrible como os propios feitos.
– AM: Estréaste cunha novela especialmente dura, que nos pon de fronte contra os nosos monstros. Escribila non debeu ser fácil.
– LC: O feito de que todos os personaxes arrastren un trauma, que na maior parte dos casos non conseguiron superar, que todos garden un segredo… Escribir sobre iso foi un exercicio de meterme na psicoloxía, na pel de cada personaxe que case me parecía que o estaba agarrando. Rematei psicolóxica e fisicamente esgotada. Porque foron moitos días ata a madrugada escribindo, o cal é un bo síntoma porque a novela atrapoume de tal maneira que precisaba escribir. Foi bonito. Duro, pero bonito. (…)”