Entrevista a Iria Collazo na Movida:
“(…) – Movida (M): Cando decidiches que querías escribir sobre os teus avós?
– Iria Collazo (IC): Cando meu avó comezou cos primeiros síntomas da demencia con corpos de Lewi, eu empecei a escribir algúns fragmentos, que simplemente eran liñas soltas. Non pretendía con elas artellar un texto máis grande; quería que servisen nada máis como notas ou recordatorios. Pouco a pouco ás memorias sobre el fóronse sumando outras sobre miña avoa e o resto da familia. Á fin e ao cabo, falar dos avós é falar dunha comunidade. Cando finalmente ingresou na residencia DOMUS VI de Monforte e observei de primeira man a degradación do seu corpo e da súa mente naquel lugar en menos dun mes, e despois de asistir con impotencia á súa morte tras unha chea de despropósitos e falta de atención e coidados, souben que o seguinte paso, despois de interpoñer as queixas e denuncias debidas, era crear un texto que o recordase, a el, a miña avoa e a toda esa xeración que axudou a conformar a miña existencia.
– M: Os mortos que amei é unha visión moi fermosa e necesaria sobre a vellez. De feito ti falas sobre uns anciáns, Antón e Celeste, que desexan vivir de forma activa, que non queren ser relegados. De onde naceu esta visión?
– IC: Supoño que provén da miña propia experiencia cos avós. Nunca os vin como seres desfasados da realidade ou ancorados nun tempo pasado. De feito, en moitas ocasións sorprendíame a súa modernidade e a relación vital e alegre que mantiñan con nós, seus netos, pero tamén con amigos e co resto da familia. Coido que boa parte desa percepción provén do humor, e é que tiven a sorte de ter uns avós irreverentes e gamberros. Estou convencida que, de seren máis novos e viviren noutras latitudes, os meus avós serían punkies.
– M: Tamén están aquí os sentimentos das persoas que aman esas persoas maiores, eses avós que os coidan moitas veces e que despois se fan maiores e morren. É esta unha forma, quizais, de non esquecer, ou de facer por lembrar?
– IC: Si, escribir as notas para Os mortos que amei en moitas ocasións foi un intento desesperado de absorber a esencia daquelas persoas e daqueles anos. É obvio que foron tan importantes que serían inesquecibles, pero o que tiña medo a perder eran os pequenos detalles, as expresións, algunhas palabras, certas historias que nos contaron e que pertenceron a outras persoas e que por nada do mundo quería deixar que desaparecesen.
– M: Esta é a túa primeira incursión na narrativa para adultos, despois de libros para o público xuvenil. Cres que hai diferenzas na forma de abordar os proxectos dependendo do público ou non pensas niso a priori?
– IC: Os dous primeiros libros, Coma unha áncora e A soidade das medusas, tiveron moito éxito entre o público adulto, quizais máis ca entre o xuvenil, pese a estaren os dous inseridos na colección Costa Oeste, de Galaxia. Penso que incluso na editorial houbo dúbidas á hora de encadrar estes dous libros nunha colección ou noutra. Creo que fago moi mal, pero cando escribo, non penso nunca no público. Escribo para min, que ao final son a crítica máis feroz dos meus textos. (…)”
Arquivos da etiqueta: A Movida
Vigo: I edición do Hematofesti. Festival de Humor e Literatura Infantil, do 6 ao 10 de novembro
Llerena Perozo: “Hai que escribir desde unha mesma, incluso a ficción máis fantasiosa, pois iso dá veracidade”
Entrevista de Tensi Gesteira a Llerena Perozo Porteiro na Movida:
“(…) – A Movida (M): Tolstói comezou a obra de Anna Karenina do seguinte xeito: “Todas as familias felices se parecen, pero cada familia desgraciada éo á súa maneira”. Aínda non tendo moito que ver coa túa recente novela, a min veume á cabeza porque ambas son obras sobre grandes mulleres. Estás de acordo?
– Llerena Perozo Porteiro (LP): Comprendo a asociación, desde logo, e concordo en que nas dúas novelas as protagonistas son grandes mulleres. Porén, os seus patróns, sendo ambas transgresoras coas normas sociais dos seus tempos, son opostos. Penso que Ana Karenina representa a dependencia emocional e María García, a protagonista e narradora de Os anos tranquilos, xusto o contrario.
– M: O teu libro lese case coma unha telenovela, sobre todo porque conta moitas cousas e é capaz de irnos directamente ao corazón. De onde xorde Os anos tranquilos?
– LP: Xorde unicamente da vontade de narrar, de contar, de fabular. Do gozo que me proporciona escribir. E fúndase en grande medida no que aprendín na infancia nunha crianza en tribo por nai, pai, dúas avoas e dous avós. Na nosa familia hai e houbo grandes contadoras e contadores, alén da escritora e o escritor, que ademais viviran feitos transcendentes e interesantes. O meu avó paterno era un contador oral espectacular, o meu irmán é guionista e director. En canto ao que refires acerca do “visual” da narración xa mo comentaron algunha vez, tamén coa anterior novela. Non son quen de escribir capítulos longos e disque esa brevidade fomenta unha lectura máis dinámica. Se cadra, ten que ver co meu paso profesional polo audiovisual, onde lin moitos guións e mesmo escribín algunha curtametraxe e, por suposto, con que pertenzo a unha xeración que medrou coa tele e as películas, cos puntos de xiro trepidantes e os finais “en alto” das sagas e as series.
– M: Quen é María García, esa muller que leva o mundo nas mans?
– LP: María representa, no meu universo emocional e narrativo, ás mulleres de orixe rural do século XX. Coñecín algunhas historias de vida incribles, varias delas na casa. Non foron mulleres que pasasen aos libros de historia, mais, sen elas, nós agora non seríamos como somos nin gozaríamos de moitas liberdades e avances. Elas facían por intuición, por supervivencia ou por sentido común, pero abriron case todas as portas. (…)”
Fran Fernández Davila: “A escrita é para min moito mellor que un Diazepam”
Entrevista a Fran Fernández Davila na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Recoñeces que a escrita é para ti unha terapia anti estrés, así comezaches a crear. Cando e como te decataches de que escribir facíache ben?
– Fran Fernández Davila (FFD): Foi instantáneo, nada máis me apuntei ao primeiro obradoiro presencial a miña disposición mental cambiou. A escrita comezou a ocupar unha porción moi grande do meu pensamento. Non só durante as sesións, que agardaba con avaricia, senón tamén o resto dos días da semana. De socate, todos eses momentos de impás que aproveitan os problemas para enzoufar a mente desapareceron e a escrita, é dicir, as ideas, os relatos, os poemas substituíron as matinacións pola ilusión, o estrés pola creatividade. Moito mellor ca un Diazepam.
– AM: Nestes anos gañaches unha trintena de premios tanto en novela como en poesía. Como sentan estas novas e que supoñen na túa carreira literaria e vital?
– FFN: Esas novas guían e animan a seguir adiante. Por moito que o neguemos, todas as escritoras e escritores temos a autoestima delegada. Hai quen busca esa autoestima na súa merecida lexión de lectoras e lectores, que eu non teño. Hai quen a atopa nos amigos, que tampouco. Hai quen o basea na crítica, que non me fai caso. E hai quen, coma min, obriga a un pobre grupo de sufridores voluntarios, definidos como xurado, a ler todo que lle pasa polo teclado do ordenador. Que mérito teñen os xurados. Que traballo pasan. Sen os premios, todos os meus escritos estarían pechados nun escuro alxube do Google Drive.
Por certo, agora que o penso, creo que se podería crear un sistema de valoración de escritoras e escritores, tipo valoración por estrelas, baseada neses catro parámetros que menciono: lectores, amigos, crítica, premios. Unha estrela por cada un. Habería que pensar cal sería a quinta estrela. (…)”
“Héctor Pena recolle nun libro a historia do fútbol feminino en Galicia”
Desde A Movida:
“(…) Héctor Pena lembra sentir interese por primeira vez polo fútbol feminino grazas a un videoxogo da Nintendo 64 que lle agasallaran: o Mia Hamm Soccer. Para a súa desgraza, o xogo de orixe americana non era compatible coa súa consola europea, pero serviulle para descubrir á lenda do futbol estadounidense Mia Hamm. Tamén grazas á súa parella, moi futboleira, medrou nel o interese por este deporte moitas veces esquecido a nivel mediático: “A evolución é radicalmente positiva. Hai unha diferencia abismal repecto hai 20 anos en canto ao apoio social e institucional, patrocinios, nivel das xogadoras… Non é algo illado. Canto máis apoio tes máis nenas practicarán fútbol, máis ensanchas a base e máis talento xurdirá no futuro”, explica.
Segundo el, os tres grandes equipos da nosa historia son o Karbo, gran dominador do fútbol estatal nos anos oitenta que desapareceu por falta de apoio do Deportivo, con quen se fusionou; El Olivo, equipo vigués que foi o primeiro conxunto galego en xogar na primeira división estatal en 2011 e que desapareceu en 2018; e o Deportivo, que ata o ano pasado xogaba na primeira división e actualmente milita na segunda categoría estatal.
Nesta Historia do fútbol feminino en Galicia hai unha grande ausencia, que é a do Celta. Malia que nos oitenta absorbeu ao Mayador, o segundo equipo máis importante de Galicia tras o Karbo, o clube celeste nunca demostrou moito interese neste ámbito. De feito, actualmente o Celta é o único equipo de primeira divisón sen sección feminina xunto con Xetafe e As Palmas: “Penso que o día que se produza o cambio xeracional na cabeza do clube —todo apunta a que Mariam Mouriño substituirá ao seu pai Carlos na presidencia do Celta— non creo que tarde moito en dar ese paso. É algo natural. A escusa que ofrecía Carlos Mouriño sobre a ausencia de instalacións suficientes xa non vale, pois o Celta ten campos e técnicos dabondo para adestrar categorías femininas”, di o xornalista de Nós Diario.
Para ilustrar este sinsentido, Héctor conta que o outro día chamoulle a atención unha imaxe durante a visita ao museo do Celta: “Hai un mosaico cos rapaces da canteira e no centro hai unha nena. Esa nena cando medre non vai poder xogar coa súa camiseta, vai ter que facer as maletas e ir xogar a Friol, a Lugo ou fóra de Galicia”, engade o autor dos libros Historia del Trofeo Teresa Herrera e Os nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo.
Seguindo nesta liña temática, este mesmo ano publicou na editorial Xerais o libro xuvenil A pioneira, unha obra histórica de ficción onde unha das protagonistas está inspirada en Irene González. Esta foi unha gardameta coruñesa que nos anos vinte do século pasado xogou, ente outros, no F. C. Barcelona e tivo que facer fronte ás críticas e prexuízos da sociedade do seu tempo, que non consideraban o fútbol como algo “apropiado para as mulleres”. Na vida real Irene morreu moi nova a causa dunha doenza, pero na novela “continuamos con ela no contexto da Guerra Civil. É unha historia de mulleres en tempos de represión“, conclúe. (…)”
Ramón Nicolás: “Malia que non nos decatemos, hoxe beneficiámonos de moitas iniciativas que ideou Del Riego”
Entrevista a Ramón Nicolás en A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Como resultou a tarefa de condensar todo o traballo e o que foi Paco del Riego nunha biografía tan divulgativa e amena como Francisco Fernández Del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo?
– Ramón Nicolás (RN): Pois foi, como é doado de imaxinar, todo un desafío. Unha vida, por un lado, tan longa e, por outro lado, tan fértil en actividades políticas, literarias ou culturais resultaba difícil de sintetizar nunha monografía divulgativa -exactamente o que se me solicitou desde Edicións Xerais- que estivese dominada pola brevidade, a concisión e que se destinase a un público amplo que podía serlle familiar a figura de Fernández del Riego ou mesmo que podía descoñecelo totalmente. O reto arrincou tamén desde esas instancias: ofrecer algún dato ou reflexión pouco coñecida ou nalgunha medida nova e conxugalo cunha visión máis xeneralista e informativa tanto da súa biografía como da súa obra, inxente por certo.
– AM: Aínda hoxe, e a pesar do enorme labor levado a cabo por Del Riego, continúa a ser descoñecido por moitas persoas, principalmente das máis novas. A que cres que se debe isto?
– RN: É probable que así sexa. A difusión ou coñecemento das figuras da nosa cultura vincúlase estreitamente co legado literario que deixaron e a súa inclusión no canon. Malia ser a súa tarefa intelectual, no caso de Don Paco, moi vizosa o certo é que os xéneros polos que transitou -basicamente o ensaio de carácter divulgativo, a crítica literaria, mesmo os seus aínda pouco coñecidos libros de viaxes- non se contemplaron nunca como xéneros de maiorías. Por outro lado, a súa presenza no currículo do ensino da literatura galega limitábase, no mellor dos casos, a apuntar o seu labor como ensaísta, ás súas actividades no nacionalismo de preguerra o á reconstrución do galeguismo na posguerra, a carón do papel que desempeñou no suplemento de La Noche, na editorial Galaxia, na revista Grial e na Biblioteca Penzol, estas últimas actividades contempladas máis como tarefas que se abordan desde o estudo da socio-lingüística do século XX que desde o punto de vista estritamente creativo. De feito, a súa vida estivo sempre ao servizo de Galicia, sen querer ostentar ningún tipo de protagonismo e en moitas ocasións situouse, conscientemente, nun segundo plano. De aí que a súa personalidade, pasados certos anos desde a súa desaparición física, fose esvaecéndose nun ámbito máis bretemoso e, teño para min que hoxe, malia non decatarnos, nos beneficiamos de moitos dos proxectos e iniciativas que el ideou, abrazou ou abandeirou. (…)
– AM: Despois de ter investigado tanto, cal é para ti a maior achega de Del Riego á sociedade galega?
– RN: Podía apuntar moitos extremos. Desde a intensísima actividade cultural e política que levou a cabo da República, pasando polo papel na reconstrución do Partido Galeguista na posguerra, o que significou o seu traballo en Galaxia cando esta botou a andar, a Biblioteca Penzol, a súa obra literaria e tantas e tantas cousas…, pero quedo, sobre todo, cun aspecto que se deriva da súa personalidade: a súa xenerosidade, a rectitude, a lealdade: pórse ao servizo do seu país cando isto era moi complicado e podía arrastrar graves consecuencias. A isto incorporo que era consciente da relevancia do papel de transmisor da memoria do nacionalismo da República e da posguerra que, dalgún xeito, a súa lonxevidade lle permitiu realizar: velaí dous libros de memorias aínda hoxe esenciais, outros volumes de carácter semellante e tantas e tantas horas compartidas con xornalistas, investigadores, etc., que o abordamos unha e outra vez case sempre coas mesmas preguntas. A súa foi sempre unha paciencia ilimitada cando se trataba de dar conta do que sabía porque o experimentara. Nese sentido creo que nunca quixo prescindir dalgunhas das dinámicas que imprime unha que foi unha das súas profesións como foi a docencia: paciencia, bo talante, comprensión… (…)”
Miguel Ángel Alonso Diz: “Na miña escrita doulle voz aos nosos personaxes e a aquelas persoas que fixeron camiño antes ca nós”
Entrevista a Miguel Ángel Alonso Diz na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Por que escribes para os máis pequenos e pequenas? Creo que é unha tarefa moi complexa pois a cativada é dos públicos máis esixentes.
– Miguel Ángel Alonso Diz (MAAD): Eu creo na literatura como ferramenta transformadora da realidade e despois de dar varias voltas a Galicia facendo recitais de poesía, comprobei que as persoas ás que chegaba eran as mesmas; isto unido a miña amizade con María do Carme Kruckenberg, que me animou a escribir para a miña filla Esther, provocou que descubrise o que hoxe é para min tan natural coma respirar. Escribindo para a rapazada podo chegar a grandes e pequenos. E si, é un público moi esixente. Tamén eu son esixente co noso traballo.
– AM: Vés de publicar Instrucións para ler este libro (Xerais, 2022) e O país da choiva (Antela, 2021), nos que vemos moitas das preocupacións das túas obras, como poden ser a lingua ou a literatura. Que máis imos atopar nestes dous títulos?
– MAAD: Memoria, respecto, sensibilidade, amor, palabra, compromiso, honestidade, magnificas ilustracións, edicións que fanlle honra a nosa lingua, escritores e escritoras galegas camiñando polas súas páxinas, membros da Santa Compaña, biosbardos, trasnos, misterio e un Demo. Todo isto e algo máis…
– AM: O país da choiva é unha declaración de amor á lingua, porque ti dis que a túa historia co galego é de amor. Explícanos isto.
– MAAD: Non pode ser doutro xeito. A palabra primeira. A do berce. A que camiña da man dos primeiros aloumiños. A lingua propia, a dos afectos. Cando naceu a nosa primeira filla, tiñamos claro que a lingua da familia sería a mesma dos nosos pais, nais, avós, avoas… Ese fío común que nos constrúe, identifica e agarima. A palabra: a nosa visión do mundo.
– AM: “Tamén pensaba que a súa lingua tiña unha relación moi especial coa música”. Así o sente un dos personaxes de O país da choiva, e creo que ten moito de ti, verdade?
– MAAD: Si, eu tiven o meu espertar poético nunha viaxe a Celanova no ano 1989, no que se dedicou o día das letras galegas a Celso Emilio. Foi un espertar á musicalidade do galego, ademais teño que engadir que son amante da música. Un mundo sen ela sería terrible. Como ben sabes, en Música no faiado aparecen personaxes como Robert Johnson, Bessie Smith ou John Lennon. Neste libro tamén hai un pequeno espazo para a música. A camiseta de Fonso é dos Beatles, e isto foi unha petición que lle fixen a Xosé Tomás; ao que lle estou moi agradecido.
– AM: Fran Alonso fala no limiar de O país da choiva da “memoria” e do perigo que supón que o galego se perda. Como ves ti o presente e o futuro da lingua? A literatura pode axudar a colleitar falantes?
– MAAD: Fran Alonso, ademais de escritor, poeta e amigo, é persoa coñecedora da situación da lingua. O seu limiar sitúa ao lector no punto xusto para acometer este libro. Podo dicir, con ledicia, que o libro está funcionando coma un río subterráneo; é unha obra que está deixando pegada na alma do lectorado. Atesouro varias conversas con lectores e lectoras ao respecto do mesmo. É fermoso comprobar como a obra conseguiu levar á reflexión sobre as razóns que existiron para que non lles falaran galego na casa, rompendo o elo de transmisión interxeracional, e as razóns que os levaron a eles mesmos a non falarlles en galego aos seus fillos e fillas. Porque estou a falar de conversas con homes e mulleres, dende os trinta ata os cincuenta; non de conversas coa rapazada. Como xa dixen ao principio, a través dos fillos e fillas, chegar aos pais e as nais.
Acadar isto é moi difícil cando do que se fala é de algo tan íntimo como a lingua. Estou contento de ter aportado este libro á nosa literatura, xa que sempre falo de facer libros necesarios, e O país da choiva é un libro necesario. Por iso agradezo a Antela Editorial o seu apoio e o seu magnifico labor de edición.
Respondendo á outra parte da pregunta, o presente é complexo e o futuro moi incerto. Hai moitas variables que van en contra da lingua: públicas e privadas. Afirmarei que o lectorado en galego é cada vez menor, e esta é a tendencia. Ademais que necesidade teño de ler en galego, se a obra en galego e en castelán saen ao tempo. Entendo as decisións tomadas con criterios persoais, económicos e son moi respectables, mais non cabe dúbida de que son un factor máis. Que máis dicir? Podería axudar a colleitar falantes? Si. Está a facer iso?… (…)”
Juan Parcero: “Nas miñas novelas sempre tento penetrar nos sentimentos, alumear partes escuras”
Entrevista a Juan Parcero na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): A novela [A soidade selénica] é ciencia ficción pero moitas das cousas das que falas, como as guerras, pertencen un pouco xa a este presente. Nun momento da novela dise: “a realidade supéranos mentres pensamos en que o que sucede é imposible”. Cres que a literatura é, entón, coma unha premonición, capaz de adiviñar o futuro?
– Juan Parcero (JP): Mesmo o realismo máis febril ten unha pouca de premonición. Desde o intre en que pasamos a papel os nosos pensamentos, estamos pensando no futuro, no que cremos que vai suceder. Eu teño esperanza de que a miña novela non sexa nunca realidade. Aínda creo que podemos, como especie, darlle volta a todo o dano que lle estamos a facer ao noso planeta. Pero non sei como se vai mesturar iso co imparable desenvolvemento tecnolóxico, co despegue na astronáutica, coa incesante fame de poder. A literatura pode ser refuxio e tamén espello, pode ser adianto do futuro ou recordo do pasado. O que fagamos con ela, dependerá dos lectores e lectoras.
– AM: Moitas novelas xogaron ao longo do tempo coa fin do mundo, e ti vólvelo facer. Como é esta fin do mundo, a que recreas en A soidade selénica?
– JP: Nos oitenta, vivíase, coa Guerra Fría, un medo constante á destrución nuclear. Era algo que se daba por descontado. Nos 2000 semellou que esa ameaza ía a menos, mais agora volvemos a temer que todo se destrúa. Eu, como fillo dos 80, sempre tiven claro ese medo. E na novela fago que ese temor sexa certo. Mesturo unha crise nuclear co asolagamento case absoluto da Terra e recreo un mundo case oceánico. Entre liñas, pódese ver que a colaboración entre nós, entre os seres humanos, é tan necesaria como complexa. E penso que aínda non estamos preparados para a plena colaboración. De maneira troncal. Non temos o sentimento de especie.
– AM: Xogas na novela coa humanidade e coa falta dela, pois as personaxes teñen sentimentos que entendemos todas as persoas como “o medo a perder o olor dunha sardiña asada”, pero tamén se fala de DAB e doutros conceptos inventados. Como consegues mesturar estes dous estilos?
– JP: Todo libro de ciencia ficción ten unha compoñente técnica, de adianto tecnolóxico, de imaxinar un futuro no que o desenvolvemento a todos os niveis da ciencia vaia crecendo e mellorando non só a calidade de vida, senón como entendemos as nosas relacións, as nosas propias capacidades. Hai moita ciencia ficción que combina esas dicotomías, pero négome a ter que caer nela, no eterno debate do si ou o o non, do extremo ou a grandilocuencia. Entre eses dous puntos hai unha infinita variedade. Tanta como opinións ou coñecementos se teñan. A realidade é unha. A percepción ou a verdade é poliédrica, depende de cada cal. Igual que a humanidade, entendida como sentimento colectivo.
– AM: Como persoa agradecida, na túa novela atopamos algunhas referencias a cousiñas que che gustan, como por exemplo o Solaris, de Stanislaw Lem. A quen máis admiras no eido da ciencia ficción, tanto na literatura como no cinema?
– JP: Si, a novela está chea de referencias, tanto á literatura como ao cinema de ciencia ficción. As miñas películas favoritas, as que sempre vexo, son de ciencia ficción, teñen algo magnético para min. Crónicas marcianas, de Bradbury, a saga da Fundación, de Asymov, o Solaris, de Lem, son obras que marcan todo o meu imaxinario. Pero no cine o impacto é case tan forte. Películas como 2001, Odisea no espazo, de Kubrick ou o Blade Runner, de Scott son obras magníficas e ás que sempre volvo. Pode que o meu favorito sexa Bradbury, porque todos os temas que toca os mestura cunha prosa rica, directa, chea de melancolía. Encántame. (…)”
Francisco Castro: “Non querer ir á mili foi a miña primeira ruptura co patriarcado”
Entrevista a Francisco Castro na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Este e o teu primeiro ensaio, como te sentiches ao expresar aos teus lectores todas esas vivencias e sentimentos tan íntimos?
– Francisco Castro (FC): Sentinme ben, son moi consciente de que é un libro no que eu me expoño moito, fago case un exercicio de desnudez emocional pero é así como o quería facer. O libro ten moito de crónica xeracional, de contar que nos pasou cando nos educaron e como nos cambiou a cabeza co paso dos anos, sobre todo grazas ao traballo do feminismo. Iso era o que quería compartir. (…)
– AM: Dis no libro que se hai que despoxar dos privilexios que o patriarcado lle dá aos homes, de cales te desprendiches ti?
– FC: A verdade e que non sería capaz de facer unha enumeración, falaría máis ben dunha actitude. No meu traballo como editor, intento sempre apostar por traer mulleres ao catálogo ou abrir unha colección de feminismos. No meu día a día, a actitude refléxase tomando conciencia e intentando evitar os micromachismos, que aínda que é difícil despoxarnos deles, hai que esforzarse.
– AM: Dirías que o feito de non querer ir a mili e de verbalizalo á túa familia foi a primeira ruptura co patriarcado que tiveches?
– FC: Si, foi a primeira vez, xa que provocou un cisma familiar. Meu pai sempre me apoiou en todas as miñas decisións, pero o resto da miña familia e a que logo sería a miña familia política non, como conto no libro non entendían a miña decisión. Eles pensaban que eu estaba fallando como home, o que se esperaba de min era que desexase ir á mili. De pequeno todos os meus amigos querían cumplir os 18 anos para poder ir á mili, a min horrorizabame a idea. De maior tamén pasaba o mesmo, rapaces do meu tempo fantaseaban con ir a África e eu seguía sen compreder esa idea. De maneira que mesturando todas esas historias que se contaban das batallas ou dos adestramentos, eu ía desenrrolando unha profunda conciencia antimilitarista. Polo que si, sen decatarme, esa foi a miña primeira ruptura co patriarcado. (…)
– AM: En que medida e como crees que o teu libro achegará algo ao feminismo ou á sociedade en xeral?
– FC: Ao feminismo non sei se lle aportará algo, por sorte hai teóricas feministas cunha potencia intelectual á que eu non chego, esas son as que de verdade están aportando algo á sociedade. Eu creo que o meu libro se algo aporta é poñer sobre a mesa que os homes temos que tomar conciencia e temos que sumarnos ao debate e a loita por un mundo de igualdade. Se o meu libro consegue que un ou dous homes, realmente pensen sobre este tipo de cousas e actúen para cambiar determinadas realidades inxustas, será valiosísimo. (…)”
Antonio García Teijeiro: “Ás crianzas gústalles a poesía. Quen lle teñen medo son os adultos”
Entrevista a Antonio García Teijeiro en A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Cal é o xerme de As palabras están a mirarse arredor da mesa?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Todo creador ou creadora procura que as palabras que utiliza sexan o máis coherentes posible para expresar o que precisa dicir. Ese proceso provoca un esforzo que non sempre dá resultados. Ese esforzo, esa dedicación do poeta por acadar a palabra exacta nos seus versos van implícitos neste poemario. Cara a unha perfección poética (que, afortunadamente, nunca se consegue) tende esta obra para expresar certos sentimentos do amor, da ética e da memoria.
– AM: Este libro xa se publicara previamente na editorial Everest. Hai algunha razón concreta para recuperalo neste momento?
– AGT: Este libro non tivo ningunha difusión no seu momento, malia o gran traballo da editora Irene Penas e do ilustrador Xosé Cobas. Corrían malos tempos para Everest e así o demostrou o resultado final da editorial. Deume moita mágoa que pasase iso porque pensaba que o libro merecía unha segunda vida. Antes de volverse publicar, escribín dez poemas novos para engadirlle. Cuarto de inverno interesouse por el e eu feliz de que tivese a visibilidade que está a ter. Estou moi satisfeito da recepción por parte do lectorado e da crítica.
– AM: Actualmente o público infantil e xuvenil está sobresaturado de información e de pantallas. Como podemos introducir de novo aos máis pequenos na lectura e, especialmente, na lectura de poesía?
– AGT: Está claro que non hai fórmulas máxicas. Non é doado. Coido que os libros deben ter máis visibilidade na sociedade e resulta difícil. Fundamental o papel da escola unha vez máis. Os e as docentes teñen que ser mediadores, coñecer o que se publica, ver as posibilidades do seu alumnado e achegarlles libros atractivos para que lean por pracer. E non dar as costas á poesía, que debe entrar nas aulas en voz alta. Porque non o esquezamos: aos nenos e ás nenas gústalles a poesía. Quen lle teñen medo son os adultos.
– AM: O que está claro é que nun mundo como o de hoxe todos precisamos a poesía…
– AGT: Xa o dixo Celaya hai tempo: “poesía para el pobre, poesía necesaria, como el pan de cada día…”. Nestes tempos de incerteza, de individualismo feroz, de materialismo, precisamos dun espazo que deben ocupar as artes. Entre elas, claro, a poesía ben feita, a que che permite reflexionar, facerche preguntas para acadar respostas, a que te leva a buscar respostas fóra dela. A poesía serena e sacode o lectorado ao mesmo tempo. Desas sensacións tiramos moitas consecuencias que nos poñen no camiño positivo. A poesía pode cambiar a vida das persoas. Eu vivino e sei do que falo.
– AM: Aínda que lamentablemente non hai moitos puntos de encontro en Galicia onde se reflexione sobre ela; asociacións, clubs de lectura, reunións, espazos en prensa…
– AGT: Efectivamente. Unha novidade poética non chega, nin de lonxe, a acadar o mesmo interese público e dos medios coma una de narrativa. É triste pero así é. A poesía vive nunha sorte de rango inferior e iso amólame moito. Os clubs de lectura esquecen case sempre a poesía. Pero aínda hai persoas que cren nela e levan traballando ben tempo para darlle pulo. Temos que seguir loitando para que colla visibilidade. E, alomenos na poesía infantil, algo está a cambiar grazas a mestras, sobre todo, que cren no seu valor e contaxian a súa paixón por ela ao seu alumnado. (…)”