Ledicia Costas: “En Infamia hai unha sociedade enferma. Pero non máis que a nosa, que é profundamente violenta”

Entrevista de Montse Dopico a Ledicia Costas en Praza:
“(…) – Praza (P): Infamia ten elementos de thriller e de novela negra. Cun ritmo moi áxil e unha intriga ben dosificada, o/a lector/a vai descubrindo o que lles aconteceu ás irmás Giraud -que Emma trata de investigar- unhas nenas desaparecidas 25 anos atrás. Mais parece que a túa intención como autora era apuntar máis ás consecuencias sociais (e psicolóxicas) da violencia…
– Ledicia Costas (LC): Quería escribir unha historia sobre a violencia e remarcar as consecuencias que esa violencia provoca nas persoas implicadas. Isto tamén ten que ver cos traumas. En moitas ocasións son os episodios violentos os que provocan un trauma que adoita estar asociado á culpa. Interésame moito a psicoloxía das persoas. Esa foi a raíz da que naceu a posibilidade de escribir un psico-thriller, esmerándome na construción dos personaxes. Interesábame que fosen complexos, cheos de matices, defectos e contradicións, fuxindo de arquetipos.
– P: Merlo é, de feito, un lugar envelenado polo silencio, polo consentimento dos máis terribles abusos de poder. O poder, representado por unha Igrexa corrupta e un Estado cómplice, depreda, devora, persoas. Non é, por suposto, a primeira vez que falas do poder: (o cacique en Escarlatina, a cociñeira defunta, por exemplo), nin da violencia: Recinto Gris, Un animal chamado néboa… Mais desta volta é a violencia estrutural instalada nunha pequena comunidade, de xeito que mesmo as vítimas acaban sendo verdugos… Por que? En que sentido muda a túa reflexión sobre a violencia neste libro con respecto aos anteriores?
– LC: O ciclo da violencia, no sentido de reproducir roles, é unha pauta de comportamento que me interesa. Persoas que sofren algún tipo de abuso, da clase que sexa, e de adultas acaban por imitar esa conduta. Extrapolei isto a toda unha comunidade onde o silencio os vai devorando a todos. Aquilo que non se menciona, non existe. Mais vai comendo por dentro ás persoas afectadas, coma ese verme que devora unha mazá. Aparentemente todo está intacto, pero a infección está estendida e todo cambalea e corre o risco de se derrubar.
– P: Algo que se nota tamén en Infamia é a vontade de estilo: por veces roza a prosa poética. Supoño que tamén é un xeito de achegarse a feitos tan espeluznantes como os que conta o libro. Algunha razón especial para que estea escrito así?
– LC: A escrita de Infamia é moi próxima á dos relatos d’Un animal chamado néboa. O público non está afeito a lerme neste rexistro, mais é o xeito no que eu me expreso cando escribo unha obra destinada a persoas adultas. Non sabería explicar os motivos. É algo que xorde de xeito natural, un acto absolutamente espontáneo que eu mesma non sei racionalizar. (…)”