Entrevista de Armando Requeixo a Manuel Núñez Singala no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Manuel Núñez Singala (MNS): A verdade é que non. E se os teño van cambiando ao longo do tempo. Por exemplo: hai moitos anos escribía a lapis, para poder corrixir con maior facilidade, hai xa moito tempo que uso directamente o ordenador o que me permite ter sempre un texto limpo. Normalmente escribo na casa, pero tamén aproveito o tempo en viaxes, vacacións e en lugares diversos. Podo escribir case en calquera sitio, cun mínimo de tempo e comodidade. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– MNS: Creo que lle faltan lectores. O índice de lectura en Galicia é aínda baixo en comparación coa contorna europea na que estamos, e a lectura en lingua galega máis aínda. Fáltalle tamén visibilidade; abonda con mirar os escaparates das librarías nas que con frecuencia está ausente ou recluído nun gueto. E tamén, o que ten moito que ver co exposto, un impulso institucional moito máis decidido.
Sóbralle complexo de inferioridade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MNS: É incuestionable que o momento é magnífico. Nunca houbo tantos autores nin tanto recoñecemento, tantos lectores nin tantos títulos publicados, tantas bibliotecas nin tantos clubs de lectura. E todo iso malia unhas institucións que parecen empeñadas en poñer paus nas rodas a todo o sistema literario.(…)”