Desde Galaxia:
“Gonzalo Hermo gaña a XIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa obra Diario dun enterro. Así o comunicou este mediodía a portavoz do xurado, Berta Dávila.
O acto do fallo tivo lugar no restaurante Árbore da Veira da Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e a portavoz do xurado, a novelista e poeta, Berta Dávila.
O xurado desta edición decantouse por esta obra pola “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. O xurado destaca o equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes. (…)
O xurado estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Anxos Sumai, Carlos Lema, Euloxio Rodríguez Ruibal, Berta Dávila e Dolores Vilavedra. (…)”