O xornalista Alberto Ramos gaña o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con Pirotecnia

Desde Nós Diario:
“O xornalista Alberto Ramos gañou o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con Pirotecnia, unha obra “narrada cun estilo impecábel” e que constitúe “un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”.
O secretario xeral de Lingua, Valentín García, participou esta terza feira na entrega do galardón, xa que o certame conta co apoio da Xunta da Galiza, que busca “reforzar a creación literaria en galego e promover o uso social da lingua”.
O representante do Goberno galego, que formou parte do xurado, felicitou o galardoado “tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal”.
O premio leva unha dotación económica de 12.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.
Á cita tamén asistiron a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o presidente de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e o portavoz do xurado nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Daniel Ugarte.
Precisamente estes últimos definiron a novela como “unha obra narrada cun estilo impecable, que conta cunha habilidade polifónica na que os sucesos relatados vanse entretecendo contrapuntisticamente”.
“Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a apropiada recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”, remarcan. (…)”

Groenlandia, de Francisco Fernández Davila, gaña o XVII Premio de Narrativa Breve Repsol

Alberto Ramos gaña a XVI edición do Premio de Narrativa Breve Repsol

Desde Galaxia:
“A obra Os corpos de Romanov. Matthias Lentz, de Alberto Ramos, resultou gañadora da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o 29 de setembro a portavoz do xurado, Diana Varela, na sede da Real Academia Galega na Coruña.
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das cinco entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o académico correspondente da Real Academia Galega, Ramón Nicolás, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Marcos Calveiro, director de Edicións da Galaxia, Xosé Monteagudo, escritor e gañador da XV edición do premio Narrativa Breve Repsol, Ramón Nicolás, o académico correspondente da Real Academia Galega, Diana Varela, a escritora nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC e crítica literaria.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XVI edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 28 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Diana Varela, voceira do xurado desta edición, trasladou no acto que Os corpos de Romanov. Matthias Lentz é unha novela escrita con un estilo de gran precisión, onde salienta a presenza dun narrador solidario que apela á conciencia de quen le, e na cal “destaca igualmente a acaída engrenaxe das diversas tramas, que encaixan como as pezas dun reloxo”. Unha historia na que o azar das relacións humanas xunta unha serie de personaxes, solidamente construídos, nos que se reflicten as inquedanzas e os traumas individuais e colectivos do pasado.” (…)”