Tempo fósil de Pilar Pallarés, obtén o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura

Desde Sermos Galiza:
Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018) supuxo a clausura dun silencio: o dos sete anos que a poeta Pilar Pallarés pasou sen dar libro ao prelo. Testemuño dunha destrución, talvez a máis directamente política das súas obras, acaba de valerlle o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura 2019.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) xa fora unha das voces máis singulares das emerxidas na poesía galega dos anos oitenta. O seu alento fráxil e ao tempo rexo, cultista na expresión pero desolado e en carne viva, erótico tamén en sentido etimolóxico, informou títulos determinantes: Sétima soidade (1984) e, sobre todo, o Livro das devoracións (1996). Este último marcou a fogo non poucas das propostas máis novas do xénero na Galiza.
Con Leopardo son (2011) rachara outro deses longos períodos en que fica afastada dos territorios editoriais. Mais foi Tempo fósil a que a reconectou a autoras e autores máis mozos. Detectaron neste reconto adusto da aniquilación da casa, neste cemiterio de ósos non unicamente imaxinarios, partículas dunha verdade que os interpela directamente.
O xurado do galardón -dotado con 20.000 euros- entendeu que os seus poemas “transmiten con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e esgazada, a experiencia da perda do vivido”. (…)”