“Na tarde do 28 de novembro tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o VIII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente (que participou da deliberación vía telefónica), e mais os vogais Antón Lopo, Ismael Ramos, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo dunha longa e intensa deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría de votos o premio ao poemario presentado baixo o título A guerra era contra nós, texto que se impuxo aos outros trinta e nove traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Carlos Da Aira Fernández.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa oitava convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e mais a Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey, nun acto de entrega do premio en Fornelos de Montes.
O xurado estimou en A guerra era contra nós o admirable dominio do poema en prosa, a forza das imaxes e o tempero na dicción, que conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno. Tamén salientou a coherencia na ollada da voz poética, que reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia.”
(Foto do autor: Demian Ortiz).