Desde Sermos Galiza:
“Era o día da miña execución / movíame con facilidade, podía mesmo embarcar / lembraba todos os códigos. Así comeza un dos poemas de Un libre favor (Editorial Galaxia, 2019), o último traballo da poetisa Chus Pato.
A obra soou no Queen’s College da Universidade de Oxford -fundado no século XIV polo capelán Robert de Eglesfield- tanto en versión orixinal como en inglés no recital protagonizado pola académica da lingua e a súa tradutora, Erin Moure.
It was my execution day / I moved with ease, could even embark / I remembered all the codes, respondeulle a tamén poeta, de nacionalidade canadense mais con orixe galega.
O acto estivo enmarcado na programación da residencia sobre escrita internacional e tradución do Queen’s College, que incluíu outras actividades protagonizadas por ambas as dúas autoras.
O público tamén puido gozar da declamación de Secesioín-Incession, á que se sumou Alba Cid, lectora de galego na Universidade de Oxford e responsábel do centro John Rutherford Center for Galician Studies. A docente leu, asemade, un poema de Atlas, a súa vindeira publicación.
Un “gran recital”
Chus Pato, en declaracións para Nós Diario, define o evento no auditorio do Queen’s College de Oxford como «un gran recital».
«O acto -explica a poetisa- comezou coa lectura dun poema en galego de Alba Cid. Logo -prosigue- veu o recital de Un libre favor, que aínda non está publicado en inglés, o que foi como unha especie de presentación do libro alí. E, finalmente, concluímos cunha rolda de preguntas do público».
A escritora engade que a súa estadía en Oxford «prolongouse catro días», grazas ao convite do Departamento de Tradución, e apostila que durante ese tempo ela e Erin Moure protagonizaron «moitas máis actividades» alén do recital do Queen’s College.
«Por exemplo, impartimos unha clase cos alumnos de Alba Cid no Centro John Rutherford, na que falamos de poesía ou tradución», afirma.
O de Oxford non foi o primeiro recital internacional compartido por Pato e Moure. En 2015 converteuse na primeira figura das letras galegas en rexistrar súa voz na Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard.”