Entrevista a Manuel Caamaño Suárez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Durante a súa etapa estudantil en Barcelona toma conciencia de país. Houbo algún punto de inflexión?
– Manuel Caamaño Suárez (MCS): En Barcelona xogaba nun equipo de fútbol chamado O Universitario, que adestraba un lendario técnico do Celta chamado Odilo Bravo. Naquel momento a miña concienciación galeguista aínda era moi leve, moi suave, mais un bo día, baixando en moto do campo de Vinardó –na zona alta da capital catalá– onde adestrabamos, o compañeiro que conducía preguntoume: «Oes, Manolo. Ti que es galego, sabes quen era Breogán?». E non souben responderlle. Deume tanta vergoña… Iso foi un punto de inflexión para min, fíxome darme de conta de que aquí ocorría algo para que nós non chegásemos a coñecer as persoas que destacasen ou que tivesen algún papel importante nalgún tempo histórico.
– SG: Cal é a parte de responsabilidade que nesa toma de conciencia ten a figura de Ramón Piñeiro?
– MCS: A miña relación con Piñeiro foi moi boa, e fundamental para galeguizarme en todos os sentidos. Era un home moi paciente e cordial co que comecei a escribirme cartas a través dun amigo de Santiago que ía moito por Noia, durante os meus tempos de estudante en Barcelona, chegando a sumar arredor dunhas 70 nas que respondía a infinidade de preguntas que lle facía. Pasado o tempo discrepamos politicamente con el, tanto eu como moitos outros, véxase Xosé Manuel Seixas, Xosé Luís Franco Grande ou Salvador García-Bodaño, mais nunca deixamos de ser amigos. De feito propúxome ser conselleiro de Galaxia, e alí estiven moitos anos. O que pasa é que o tempo vai aclarándolle a un moitas cousas, ou vai madurando, ou tal vez facéndose maior (Ri). (…)”