Xosé Luís Méndez Ferrín: “Penso que todo escritor que publica en galego é independentista”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Balea Cultural:
“(…) – Balea Cultural (BC): Máis adiante fuches a Compostela. Entre outros, deuche clase Otero Pedrayo. É unha figura que en numerosas ocasións reivindicaches.
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Na época do Frente Popular, Otero Pedrayo non marchou coa dereita galeguista, quedou con Castelao e con Bóveda. Probablemente é a figura máis grande dende o punto de vista cultural e ideolóxico moi amplo do nacionalismo, tal e como a min me afectou, non sei a outros.
Nos anos 60 veu unha moda por parte do carrillismo, do falso comunismo, do comunismo que soamente tiña del o nome, de considerar a Otero Pedrayo unha figura conservadora. Eu non o vexo conservador. El foi case o primeiro en dicir que o futuro de Galicia era unha república, unha república galega. Primeiro díxoo Manuel Antonio, pero case en privado e sen moito eco. Unha república campesiña, claro, pero o dicía en público. (…)
– BC: Fai tempo definícheste como un profesor que escribe, agora xubilado pensas que segues ensinando?
– XLMF: Agora son un xubilado que escribe pouco (Risas). O estatuto sociolóxico de escritor en Galicia é inexistente. Quen vive de ser escritor ou escritora en Galicia? Ninguén. Estou pensando e Manolo Rivas, que debe de ser o único. Foi o único que logrou romper a barreira e aparecer no mundo como escritor galego.
Se te fixas na difusión que tivo Álvaro Cunqueiro, por exemplo da súa tradución ao inglés, e investigas a edición poderás ver que pon “From Spanish”. O mesmo noutras linguas. Cunqueiro traducíase a si mesmo ao castelán sen indicar que se publicara anteriormente en galego. Rivas non, deixa claro que a súa obra está escrita orixinalmente en galego xa sexa aquí como en Alemaña. Este tema non foi tratado nunca, pero realmente merece a pena ser analizado.
– BC: A literatura galega segue sendo subalterna a pesar de pasar xa tantos anos dende o franquismo?
XLMF: É subalterna. Absolutamente subalterna. A pesar de ser igual ou mellor á literatura de calquera outro país soberano como pode ser Portugal. Manuel Antonio cun libro é superior a Fernando Pessoa cunha colección de heterónimos xuntos. E é unha cuestión de talento, nada máis. Non hai unha Rosalía de Castro dese nivel en Europa durante o século XIX. Non existe.
O que ocorre é que seguimos sendo invisibles incluso dentro da nosa casa. En España hai un premio Cervantes e uns Premios Nacionais que cotizamos para eles e se lle dan aos escritores mellor dotados. Incluso a sudamericanos, o cal me parece bárbaro porque todo o que se lle dea aos escritores é para contribuír a que se liberen e que non lles controlen outros.
En Galicia non existen premios á literatura. O escritor galego está sancionado, por iso algúns malos escritores galegos optimizan a súa condición para incrustarse en institucións autonómicas que si pagan por servir como o Consello da Cultura Galega. É un manxadeiro de intelectuais mediocres que van buscar a manteiga, o cal nos convirte nunha colonia.
O que me parece incrible é que os escritores galegos teñan dignidade, sigan escribindo en galego, produzan, anden coa cabeza e o peito levantada e estean alí. E son moitos, iso si, están marxinados. Case todos premios en lingua galega se lle deron a escritores e escritoras de literatura infantil e xuvenil. Aí se lle recoñece que Galicia ten unha certa preponderancia, nun lugar considerado menor. Que non é para nada menor por outro lado. (…)
– BC: Pensas que na actualidade un artista comprometido galego ten a obriga de pular pola emancipación?
– XLMF: Depende de a que lle chames comprometido. En Galicia hai moita xente que ten conciencia de clase e non é independentista e moitos máis que veñen co independentismo no armario. Eu creo que Castelao era independentista pero nunca o dixo en público. Penso que non pode haber un nacionalista galego que non sexa independentista, iso si, o gardan totalmente. E non soamente en Galicia, o nacionalismo catalán estivo sendo non independentista ata onte. Na miña xuventude e madurez en Cataluña non había máis partido independentista que un que se chamaba Partit Socialista d’Alliberament Nacional.
En canto aos escritores, penso que todo escritor que publica en galego é independentista, se non, non escribiría en galego. O que se pensa é que non hai que facelo visible nin evidente, pero claro, pode pensarse que non é posible o comunismo despois do fracaso das diferentes experiencias, pero ou se aspira a iso ou nos quedamos como estamos, non hai posibilidades intermedias. É o mesmo con Galicia: é independente ou esfarela. Tardará máis ou menos tempo en facelo, pero leva séculos esfarelando. Ou as persoas son donas dos seus recursos e da riqueza dos seus países, ou seguirán sendo escravos. (…)”