Entrevista de H. Pena a Manuel Forcadela en Sermos Galiza:
“O Ateneo de Pontevedra proxectou a cuarta feira ás 19:30 horas o documental Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín. O seu director, Manuel Forcadela, debulla para Nós Diario os pormenores dun dos tótems da cultura galega do século XX, así como dun filme que conta coa participación de nomes como Xosé Manuel Beiras, Rexina Vega, Álvarez Cáccamo ou Antón Reixa.
– Sermos Galiza (SG): Cales son eses Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín?
– Manuel Forcadela (MF): Os Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín é un proxecto de documental que acabou sendo outra cousa, sempre co obxectivo de facer unha aposta pola memoria de Ferrín como figura clave da cultura galega das últimas cinco décadas. Tratamos de mostrar unha figura moi poliédrica, chea de matices, de sentidos, de significantes, tantos que moitas veces o Ferrín en si non ten nada que ver co Ferrín para si. Usando unha terminoloxía un pouco pedante, o Ferrín en esencia ten pouco que ver co Ferrín en apariencia.
– SG: De onde xorde a idea de trazar este retrato?
– MF: Dunha reunión da directiva do Ateneo Atlántico de Vigo o ano pasado, no que, entre outras propostas para conmemorar o 80 aniversario de Ferrín, propuxen elaborar unha serie de vídeos que atendesen ao percorrido vital da personaxe.
– SG: Como se traza a obra documental para compoñer un todo unitario que mostre quen é Méndez Ferrín?
– MF: De dous xeitos distintos. Por unha banda, Xosé Manuel Beiras, como Virxilio na Divina Comedia, condúcenos polos mundos de Ferrín. E por outra, hai un fío cronolóxico, para trazar un percorrido complementado con diferentes voces pola súa infancia, adolescencia, época universitaria, etc. (…)”