Entrevista a Antón Riveiro Coello no IES Álvaro Cunqueiro:
“(…) – IES Álvaro Cunqueiro (IESAC): Cando escribe literatura pensa en quen o pode ler? Condiciona iso a súa escrita?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Non. Iso só o fixen nun par de ocasións que quixen situarme nunha idade determinada. Orhan Pamuk di que escribe primeiro para os turcos e despois para o resto do mundo. Reducindo aínda máis esa pretensión, eu escribo primeiro para a xente da Limia e as persoas que coñezo e despois para o resto do mundo. Non sei. Nin tan sequera As rulas de Bakunin foron pensadas para un público concreto e unha idade receptora. De feito, sospeitaba que esta novela podería traer algún éxito na crítica e gañar algún premio, como así foi, pero nunca se me pasou pola cabeza que a puidese ler un alumnado mesmo de 4º de ESO. Foi toda unha sorpresa, de verdade. (…)
– IESAC: As súas obras están moi apegadas á realidade, cal é a razón?
– ARC: Na maioría das miñas novelas hai un aporte histórico importante e tamén experiencial, talvez por esa teima de me identificar coa terra que habito e estudar e interiorizar os símbolos do seu pasado. Coñecer o espazo a través da literatura ten tamén algo de apropiación. Por iso, o pano de fondo das novelas é fundamental para min, así como as persoas que me emprestan a súa memoria para pasala polo filtro da literatura.
– IESAC: Gústanlle as novelas fantásticas ou as distópicas? Vese facendo ese tipo de narrativa?
– ARC: Gústame a boa literatura e iso abonda. Dalgún xeito, a literatura tamén é distópica porque moitas veces os personaxes e as nosas realidades non son o que son senón o que nos gustaría que fosen. (…)”