Homenaxes realizadas pola AELG a Xela Arias en 2014

Recollemos, a continuación, as actividades realizadas desde a AELG en homenaxe a Xela Arias en 2014:

Á procura de trazos que nos describan. Homenaxe a Xela en Vigo, o 11 de marzo, coa colaboración do IES Álvaro Cunqueiro (poden verse aquí dúas recensións en prensa).

Homenaxe da AELG a Xela Arias no Concello de Sarria, o 6 de setembro de 2014. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Entrevista a Antón Riveiro Coello no IES Álvaro Cunqueiro

Entrevista a Antón Riveiro Coello no IES Álvaro Cunqueiro:
“(…) – IES Álvaro Cunqueiro (IESAC): Cando escribe literatura pensa en quen o pode ler? Condiciona iso a súa escrita?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Non. Iso só o fixen nun par de ocasións que quixen situarme nunha idade determinada. Orhan Pamuk di que escribe primeiro para os turcos e despois para o resto do mundo. Reducindo aínda máis esa pretensión, eu escribo primeiro para a xente da Limia e as persoas que coñezo e despois para o resto do mundo. Non sei. Nin tan sequera As rulas de Bakunin foron pensadas para un público concreto e unha idade receptora. De feito, sospeitaba que esta novela podería traer algún éxito na crítica e gañar algún premio, como así foi, pero nunca se me pasou pola cabeza que a puidese ler un alumnado mesmo de 4º de ESO. Foi toda unha sorpresa, de verdade. (…)
– IESAC: As súas obras están moi apegadas á realidade, cal é a razón?
– ARC: Na maioría das miñas novelas hai un aporte histórico importante e tamén experiencial, talvez por esa teima de me identificar coa terra que habito e estudar e interiorizar os símbolos do seu pasado. Coñecer o espazo a través da literatura ten tamén algo de apropiación. Por iso, o pano de fondo das novelas é fundamental para min, así como as persoas que me emprestan a súa memoria para pasala polo filtro da literatura.
– IESAC: Gústanlle as novelas fantásticas ou as distópicas? Vese facendo ese tipo de narrativa?
– ARC: Gústame a boa literatura e iso abonda. Dalgún xeito, a literatura tamén é distópica porque moitas veces os personaxes e as nosas realidades non son o que son senón o que nos gustaría que fosen. (…)”

Vigo: Homenaxe a Xela Arias, o martes 11 de marzo

Á procura dos trazos que nos describan

Con este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle quere render á autora en marzo deste ano 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
É o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que darán a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente… Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
É o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.

No acto poético-musical participarán:
– Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais.
María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias.
Antía Otero e Marta Dacosta, poetas.
– Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña.
– Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias.
– Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro.
Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español.
– Avelino González, actor.
– Ana Iglesias, escritora.
Mercedes Queixas, en nome da AELG.
Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg.
A parte musical estará a cargo de:
– O grupo Xardín desordenado.
– O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga.
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.