8ª edición do concurso de micro-relatos OZOCOgz

Desde OZOCOgz:
1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario. Os autores/as serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos.
2. A temática leva como título xenérico INFANCIA.
A infancia, a nenez, ese período de tempo que formalmente vai dende o nacemento até a adolescencia, mais que na realidade nos acompaña inexorabelmente o resto da nosa vida. Na infancia fómonos forxando tal e como somos, fómonos facendo e fómonos afacendo -citando de mala maneira ao filósofo- a vivir coas nosas circunstancias. A nosa nenez son tamén as lembranzas máis fondas, esas que estrañamos diante das adversidades mais tamén esas que procuramos non lembrar polos momentos dramáticos ou traumáticos que nos causaron.
Infancia é tamén a dos nosos fillos e/ou fillas, a dos nosos netos e/ou netas, a das crianzas que vemos todos os días enredando, aparentemente sen preocupacións, nas rúas das nosas cidades ou no adro da igrexa na nosa aldea, mais tamén o é a dos milleiros de nenas e nenos que sofren, por culpa da crueldade dos adultos, enfermidades, fame, abusos, violacións e maltrato.
As nenas e nenos estiveron sempre presentes na literatura mundial, e na galega en particular, con moitísimas obras das e dos máis variados autores. Na actualidade segue a ser tema de inspiración para moitas e moitos deles, cuxo exemplo queremos personalizar en Xabier P. DoCampo con A nena do abrigo de astracán, derradeira obra deste grandísimo escritor e mellor persoa con quen tivemos o pracer de partillar en varias ocasións e que nos honrou como membro do xurado na 3ª edición do noso concurso.
Segundo os dicionarios infancia é:
1. Período da vida que comprende desde o nacemento ata a adolescencia e que á súa vez se divide en dúas etapas separadas pola aparición dos segundos dentes.
2. Conxunto dos nenos.
3. [dereito] Período da vida que comprende desde o nacemento ata a adolescencia suxeito a uns dereitos especiais, recollidos na Declaración Internacional dos Dereitos do Neno.
3. Admitirase só un relato por autor ou autora.
4. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:
– Ter cumpridos os 16 anos ou máis
– Ter un perfil en facebook
– Compartir o evento do concurso no seu “muro“, engadindo a etiqueta @ozocogz
– Premer (de non telo feito con anterioridade) no “Gústame” da nosa páxina (FanPage).
5. A extensión máxima dos micro-relatos será de 140 palabras.
6. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:
a. A través dunha mensaxe na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web.
b. Por correo electrónico a ozocogz@gmail.com Neste caso figurará no asunto CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Deberá indicarse o nome que se usa no perfil de facebook e, coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o texto na páxina de facebook e máis na nosa web
En ningún caso se poderá publicar directamente o micro-relato nin na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz nin no evento que se creará para o concurso, ese é un labor exclusivo de OZOCOgz.
7. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.
8. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.
9. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 10 de febreiro até o 30 de abril de 2020, ámbalas dúas datas incluídas. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.
SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA
10. O xurado está formado polas escritoras e escritores Berta Dávila, Celso Fernández Sanmartín e Adolfo Caamaño xunto coa gañadora da pasada edición do concurso Concha López Fernández. Xunto con elas e eles completan o noso xurado: un/unha representante da “Libraría Escolma” do Carballiño, un/unha representante da “Librería Miranda” de Bueu, un/unha representante da “Libraría Cartabón” de Vigo; e un/unha representante da “Libraría Pedreira“ de Compostela.
11. Haberá dous micro-relatos gañadores aos que corresponderán os seguintes premios:
Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega dun xogo de mesa Ti non es de aquí?, de OZOCOgz e dun vale, obsequio de Parrillada San Andrés do Carballiño por un Menú Nós somos de aquí! (xantar ou cea) para dúas persoas, consistente en diferentes elaboracións de polbo xunto coa especialidade da casa, o churrasco San Andrés.
Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega dun agasallo de OZOCOgz e un lote de libros doado pola asociación Tangaraño Cultural, de Sobradelo (Xunqueira de Ambía).
12. A decisión do xurado é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.
13. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso.
14. As autoras e autores dos micro-relatos, ao participaren no concurso, permiten a OZOCOgz a súa divulgación pública por calquera medio coñecido ou por coñecer no futuro. OZOCOgz comprométese a respectar sempre os dereitos morais de autoras e autores, nomeadamente no que respecta aos dereitos de paternidade e integridade, polo que sempre se citará a autoras e autores dos micro-relatos presentados ao concurso, e non se alterará o contido dos mesmos. As autoras e autores, ao participaren no concurso, ceden en exclusiva a OZOCOgz, e por un período de 25 anos, os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente). Se a autora ou autor quixera publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOgz
15. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.
O Carballiño, 5 de febreiro de 2020
Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz”