Bases do 12º concurso de micro-relatos OZOCOgz

“Cine e literatura, literatura e cine, dúas canles polas que fixar as ficcións soñadas polo ser humano, tanto en imaxes como no papel, tanto no papel como nas imaxes. No cine a base é o plano, e se os encadeamos concrétanse en escenas, que enfiadas derivan en secuencias, para, reunidas todas, rematar nun filme.
Na literatura o proceso parte das verbas, que artellan frases e oracións, con elas nacen os parágrafos, que xuntados provocan capítulos e, sumados, xorde a novela. Ambos narran historias, aínda que o cine opte polo movemento das imaxes coa axuda da tecnoloxía e a necesidade da luz para namorar ao espectador, mentres a literatura prefire remover as emocións do lector coas verbas lucidas nas páxinas.
Desde a noite dos tempos, o home das covas tentou de atrapar os animais que poboaban o seu entorno, pintándoos nas súas paredes e creando rituais máxicos co apoio na oralidade, e ao tempo comezou a crear os primeiros trazos da escrita para dar corpo aos sons usados para comunicarse. Centos, miles de anos de evolución, para regresar ao comezo: contar para chegar ao corazón da xente. Por iso, cine e literatura, literatura e cine, van da man cun obxectivo compartido: emocionar.
Nada mellor que comezar polos pequenos relatos como follas dunha grande póla da árbore máxica da nosa lingua.

Miguel Anxo Fernández

BASES

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados a ningún outro concurso ou certame literario. As autoras ou autores serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos.
2. A temática leva como título xenérico CINEMA.
Tecnicamente o CINEMA ven a ser unha industria e unha arte que xurdiu a finais do século XIX como resultado dos avances tecnolóxicos daquela época no campo da óptica. O CINEMA supuxo, dende os seus comezos, unha revolución imparábel que afectou fondamente aos modos, ata o momento vixentes na sociedade, de divertirse e informarse. A través das películas a xente puido traspasar fronteiras, viaxar a lugares incríbeis, incluso fóra do planeta, chorar ou rir con historias marabillosas ou mesmo aterrorizarse con monstros, crimes e pantasmas.
O CINEMA tamén é ese local onde nacen historias de amor de última fila, onde quedar coa panda os domingos para ver aquelas de máis de dezaoito, se tiñas a sorte de que o acomodador non che pedira o carné. Naquelas vellas salas coñecemos grandes historias da literatura universal, a cultura ao alcance de todos, soubemos dos Tres Mosqueteiros e do cardeal Richelie, fomos até a Idade Media con Guillermo de Baskerville en O nome da Rosa ou ao futuro con Star Trek, 2001 ou Star Wars, sen esquecernos das peripecias de Marty McFly en Regreso ao futuro.
O CINEMA son tamén os centos de persoas que esta industria move, actores, actrices, directores e directoras, técnicos de centos de oficios, músicos, guionistas, esteticistas… ata o ou a crítica literaria forman parte deste mundo. Non hai máis que ver os créditos despois da proxección dunha película calquera.
Escollemos esta temática, precisamente, pola súa amplitude, polas infinitas posibilidades que no campo literario e por tanto da imaxinación pode ofrecer. Agora é o bo facer do escritor ou da escritora quen debe dar forma e deleitarnos coa súa escrita.
Por tanto, moita sorte co xurado a todas e todos. Ánimo e BOA ESCRITA!!!
3. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:
– Ter cumpridos os 16 anos ou máis
– Ter un perfil en Facebook
– Compartir o evento do concurso engadindo a etiqueta @ozocogz e os hastags #ConcursoMicro-relatosOZOCOgz e #ConcursoMicrorrelatosOZOCOgz
– Premer (de non telo feito con anterioridade) no “Gústame” da nosa páxina (FanPage): www.facebook.com/ozocogzdesenho.galego e facerte Seareiro ou Seareira.
4. A extensión máxima dos micro-relatos será de 150 palabras.
5. Admitirase só un (1) micro-relato por perfil de Facebook.
6. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:
a. A través dunha mensaxe privada na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos a vosa achega na páxina de facebook e máis na web www.ozocogz-atenda.com/i/micro-relatos
b. Por correo electrónico a micro-relatos@ozocogz.gal Neste caso figurará no asunto 12 CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Deberá indicarse o nome que se usa no perfil de facebook e, coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o texto na páxina de facebook e máis na web www.ozocogz-atenda.com/i/micro-relatos.
En ningún caso se poderá publicar directamente o micro-relato na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz, no evento que se creará para o concurso nin en ningunha outra rede social, esa é unha angueira exclusiva de OZOCOgz.
Sexa cal for a maneira de facernos chegar o teu micro-relato, agradecemos que nos facilites un número de teléfono co que poder comunicarnos contigo no caso de resultares gañadora ou gañador.
7. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.
8. Os/as usuarios/as de Facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.
9. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 15 de febreiro até o 30 de abril de 2024, ámbalas dúas datas incluídas. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

10. O xurado está formado por Pedro Feijoo (escritor e músico), Raquel Castro (escritora e profesora), Roberto Fernández (escritor e médico) e Fernando Miranda Estévez (libreiro e activista cultural), xunto coa gañadora da pasada edición do concurso Andreia Costas Otero.
11. Haberá dous micro-relatos gañadores aos que corresponderán os seguintes premios:
Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega de 1 xogo de mesa VACALOURA de OZOCOgz, 1 agasallo de produtos Nela Biosense e 1 vale, obsequio do Hotel Rural Pazo de Esposende (Ribadavia – Ourense), para unha noite con almorzo para dúas persoas.
Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega de 1 xogo de naipes GALIZA NO TEMPO de OZOCOgz, 1 agasallo de produtos Nela Biosense e 1 lote de libros (doados polas editoriais Kalandraka e Galaxia).
12. A decisión do xurado é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.
13. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizador do concurso.
14. As autoras e autores dos micro-relatos, ao participaren no concurso, permiten a OZOCOgz a súa divulgación pública por calquera medio coñecido ou por coñecer no futuro. OZOCOgz comprométese a respectar sempre os dereitos morais de autoras e autores, nomeadamente no que respecta aos dereitos de paternidade e integridade, polo que sempre se citará a autoras e autores dos micro-relatos presentados ao concurso, e non se alterará o contido dos mesmos.
As autoras e autores, ao participaren no concurso, ceden en exclusiva a OZOCOgz, e por un período de 10 anos, os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente).
Se a autora ou autor quixer publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOgz.
15. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.

O Carballiño, 25 de xaneiro de 2024
Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz”

Coñécense os relatos gañadores da 11ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz

Xa temos os relatos gañadores da 11ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado resultou gañador o micro-relato BOTINAS DE AGASALHO, presentado co seudónimo “Catro pelos”, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas.
Resultou finalista o micro-relato VERDE, presentado co seudónimo “Ulex”, baixo o que se agochaba o nome de María Berini Pita da Veiga.
Parabéns ás gañadoras!!!!!

******************************************************

MICRO-RELATO GAÑADOR
BOTINAS DE AGASALHO
Por: Andreia Costas
“Acarinho os delicados peúgos de perlé branco pola derradeira. Anunciara tamén o berce, o carro de paseo e ata cueiros de linho en artigos de segunda man. Deseguida chegou a primeira notificación ao celular:
–Ola, son Ximena, temos interese na oferta do cenmilcousas.
–… (icona polgar)
–Estamos grávidas a preparar un parto primíparo
–… (icona trevo de catro follas)
Na paupérrima carencia ofrécese e véndese de todo. Disque é o dano colateral da crise sanitaria sumado ao conflito na Ucraína. Sempre usan eufemismos. De súpeto, a “nova normalidade” é vivir no gume da navalla da miseria. O desolador panorama rouba a maternidade de mil ventres a latexar por amor. Renuncio a ser nai. Mais os calcetíns de gancho, feitos a man, serán agasallo para outra criatura. Descúlpame mamá por deixarte sen neta.
Mándolle a Ximena a localización Google e a foto dos peúgos.”

****

MICRO-RELATO FINALISTA
Por: Maria Bepe
“Remexendo entre caixas de roupa vella, Antía narra as vantaxes daquela app diante da súa nai, que escoita queda xunto á porta. «Facer limpeza, uns aforriños para caprichos, loitar contra a industria téxtil, capitalista e antiecolóxica.» Discurso ben xeitoso: tecnoloxía para unha economía circular, o triunfo do erre de reempregar.
App cool, moderna, consciente. Esquecendo que nalgures rempregar nunca foi opción cool, moderna, consciente,
senón necesidade.
Nas caixas, moitas prendas eran de cor verde. A Antía sempre lle gustara. Verde eran na súa nenez as ras de peluche e o plastidecor co que pintaba paisaxes bucólicas de árbores, regatos e paxariños.
Bucólicas paisaxes nun futuro pintadas sen árbores, regatos nin paxariños,
mais con moitos eólicos.
A mais de 2000 km de distancia da casa de Antía, no Sahara occidental, reempregar sustenta existencias e de certo non gusta un verde tinguido da palabra INVASIÓN.
Na Galicia,
no Sahara,
agroman conflitos.”

Micro-relatos gañadores da 10ª edición do Concurso OZOCOgz

“Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado, formado polas escritoras e escritores Antón Riveiro Coello, Emma Pedreira, Ledicia Costas e Miguel Anxo Fernández, a gañadora da pasada edición do concurso Catarina Cortizas Leira e un/unha representante de cada unha das seguintes librarías: “Escolma” do Carballiño, “Miranda” de Bueu, “Paz” de Pontevedra e “Pedreira” de Compostela, resultou gañador o micro-relato SEGREDO, presentado co seudónimo Bob Horás, baixo o que se agochaba o nome de Lito Vila Baleato.
Por primeira vez, nos 10 anos de historia do noso concurso, temos dous finalistas por coincidiren na puntuación, o primeiro finalista (sen que isto implique orde) é o micro-relato ACONTECE NO MAR VÉSPERA DE SAN XOÁN, presentado co seudónimo Berenxena en bicicleta, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas; e o micro-relato MARIDAXE PERFECTA, presentado co seudónimo Devorei, baixo o que se agochaba o nome de Nila Álvarez Pousa.
Os relatos premiados poden lerse aquí.”

Coñécense a obra gañadora e finalista da 9ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz

“Unha vez lidos, entregada a puntuación e feita a media correspondente da totalidade dos micro-relatos presentados a concurso polos/as membros do xurado e actuando como fedatario Eladino Cabanelas, en representación de OZOCOgz, resultaron gañador e finalista os seguintes relatos:
– 1º premio para o micro-relato Filmando o tempo, presentado co pseudónimo Andreia, baixo o que se agochaba o nome Catarina Cortizas Leira.
– Finalista o micro-relato Vida, presentado co pseudónimo Mar Renteiro, baixo o que se agochaba o nome de Lito Vila Baleato.
Parabéns ás gañadoras!!!!!

NOTA: Pódense ler todos micro-relatos participantes aquí: https://ozocogz-atenda.com/i/micro-relatos-1

Bases do 9º concurso micro-relatos OZOCOgz

Bases 9º concurso micro-relatos OZOCOgz

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario. Os autores/as serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos.
2. A temática leva como título xenérico O TEMPO.
O TEMPO é ese concepto que nos axuda a entender os cambios, as transformacións, as nosas propias e as do que nos rodea, xunto co espazo, o tempo é fundamental para localizar existencias, acontecementos e todo tipo de fenómenos. Falamos de tempo cando falamos do pasado, do presente e do futuro, e dende antigo foi motivo de reflexión e estudo, tanto por filósofos como por científicos do máis variado.
Viaxar a través do tempo serviu e serve de inspiración na literatura e no cinema, cun bo feixe de filmes no que esta viaxe está presente; quen non viu máis ou menos veces as sagas de Regreso ao Futuro ou do Planeta dos simios?
Na mitoloxía romana o paso do tempo está controlado polo deus Saturno, e na grega por Cronos, fillo de Urano e Xea (a Terra Nai). Cronos, precisamente está presente no étimo da palabra cronoloxía, a actividade cuxa finalidade é determinar a orde temporal dos acontecementos históricos.
O transcorrer do tempo semella non ser o mesmo segundo a as circunstancias ou, incluso, a idade de cada quen, pasa lento para @ reclus@ ou para @ adolescente, ámbolos dous/dúas desexos@s de liberdade (cada quen ao seu xeito) e pasa rápido para @ atleta que ten que chegar á meta nunha carreira contra reloxo, mais tamén para a anciá ou o ancián que ven como a súa vida chega ao seu fin sen apenas darse conta.
Segundo o dicionario da RAG(1) tempo é:
Sucesión das cousas considerada como un continuo uniforme, que se divide para medilo en intervalos regulares naturais, como os ciclos do Sol, da Lúa, das estacións etc., ou convencionais, como as horas, minutos, segundos etc., e que, xunto co espazo, serve de medio de referencia fundamental para localizar as existencias, fenómenos ou acontecementos.
Período determinado dentro desta sucesión.
Idade dunha persoa ou antigüidade de algo.
Espazo temporal de longa duración.
Período variable de tempo ao que se fai alusión, que ten como punto de referencia algunha circunstancia determinada.
Momento propio ou oportuno para algo.
Estado da atmosfera. (Exclúese da temática do concurso).
Cada unha das partes en que se dividen algunhas accións.
Forma que adopta o verbo mediante morfemas propios para indicar o momento en que se realiza a acción. (Exclúese da temática do concurso).
Cada unha das partes en que se realiza un compás. (Exclúese da temática do concurso).
Velocidade coa que se interpreta unha peza musical. (Exclúese da temática do concurso).
Cada unha das fases que constitúe o ciclo de funcionamento dun motor. (Exclúese da temática do concurso).
3. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:
– Ter cumpridos os 16 anos ou máis
– Ter un perfil en facebook
– Compartir o evento do concurso no seu “muro“, engadindo a etiqueta @ozocogz
– Premer (de non telo feito con anterioridade) no “Gústame” da nosa páxina (FanPage): www.facebook.com/desenho.galego
4. A extensión máxima dos micro-relatos será de 140 palabras.
5. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:
a. A través dunha mensaxe na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com
b. Por correo electrónico a ozocogz@gmail.com Neste caso figurará no asunto CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Deberá indicarse o nome que se usa no perfil de facebook e, coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o texto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com
En ningún caso se poderá publicar directamente o micro-relato nin na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz nin no evento que se creará para o concurso, ese é un labor exclusivo de OZOCOgz.
6. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.
7. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.
8. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 1 de febreiro até o 30 de abril de 2021, ámbalas dúas datas incluídas. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

9. O xurado está formado polas escritoras e escritor Inma López Silva, Miriam Ferradáns e Miguel Ángel Alonso Diz xunto coa gañadora da pasada edición do concurso Cruz Martínez. Xunto con elas e eles completan o noso xurado: un/unha representante das librarías “Couceiro” de Compostela, “Escolma“ do Carballiño, “Miranda” de Bueu, “Paz” de Pontevedra e “Pedreira“ de Compostela.
10. Haberá dous micro-relatos gañadores aos que corresponderán os seguintes premios:
Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega dun xogo de mesa Ti non es de aquí? Xúnior, de OZOCOgz e dun vale, obsequio do restaurante Casa Gazpara do Carballiño por un Menú degustación (xantar ou cea) para dúas persoas.
Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega dun agasallo de OZOCOgz e dun lote de libros.
11. A decisión do xurado é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.
12. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso.
13. As autoras e autores dos micro-relatos, ao participaren no concurso, permiten a OZOCOgz a súa divulgación pública por calquera medio coñecido ou por coñecer no futuro. OZOCOgz comprométese a respectar sempre os dereitos morais de autoras e autores, nomeadamente no que respecta aos dereitos de paternidade e integridade, polo que sempre se citará a autoras e autores dos micro-relatos presentados ao concurso, e non se alterará o contido dos mesmos.
As autoras e autores, ao participaren no concurso, ceden en exclusiva a OZOCOgz, e por un período de 20 anos, os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente).
Se a autora ou autor quixera publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOgz
14. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.

O Carballiño, 1 de febreiro de 2021
Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz”