Iván García Campos: “A novela non morre, o que morre é un tipo de lector, e a industria é a que o mata”

Entrevista a Iván García Campos en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Desmárcase e aposta pola aventura?
– Iván García Campos (IGC): Si. É certo que as miñas novelas anteriores trataban máis do particular, daquilo que non nos paramos a dar valor, pero este libro é máis aberto. Unha parte é unha viaxe de dous personaxes, e o que se persegue é tratar de comprender algo tan básico como a vida.
– LO: Na novela [O viaxeiro perfecto] semella suxerir que é a maior viaxe de todas.
– IGC: Claro. Había un escritor que dicía que hai viaxeiros que mesmo ignoran que viaxan. Se cambias a verba, moitas veces pásanos que nesta vida cotiá de erguernos e de ir a traballar, nos esquecemos de que estamos vivindo. Nesta obra hai esa metáfora, porque cando un escribe unha novela, sempre conta dúas historias. A que se lee e a que non, que é esa historia secreta que se constrúe co que non dis e que para min é o obxectivo. (…)
– LO: O viaxeiro perfecto fala moito da cultura, e de cuestionarse a través dela. A literatura debe interrogar?
– IGC: Si, o mundo debe ser interrogado desde os libros. Por iso creo que o escritor debería ser máis un sismógrafo que un documentalista, porque para iso non escribes ficción. Un autor ten que estar á espreita, escoitando á vida. A min interesábame falar da multiculturalidade, da pluralidade das opinións, das linguas…
– LO: Un tema de actualidade…
– IGC: Xa. Ultimamente escóitase que esa pluralidade, máis ca unha riqueza, é un obstáculo. E a min paréceme incríbel. Eu trato de darlle valor como a inmensa riqueza que temos, non coma un perigo.
– LO: Encaixan eses mensaxes na actual industria literaria?
– IGC: O nome de industria literaria xa está dicindo cal é o obxectivo: gañar cartos. Trata de darlle un utilitarismo á literatura, e busca un produto moi sinxelo, como comida rápida. Por iso a industria editorial está creando a un consumidor moi acomodado. A novela non morre, o que está morrendo é un tipo de lector, e a propia industria é a que o está matando. (…)”