Cuestionario Proust: Xina Vega

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xina Vega:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Esta é unha das preguntas máis difíciles que existen porque unha non se dá visto a si mesma. O de coñecerse de verdade parece máis un propósito que algo que de verdade se poida atinxir, pero vaia, cando me poño a pensarme imaxino que son unha branda que vai de dura ou unha dura que vai de branda, non cho sei…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A valentía ou, o que vén ser para min o mesmo, a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade e verdade. Con que se permitan ser elas sen demasiados filtros e non busquen conscientemente danar a outros xa son moi feliz ao seu carón.
4.– A súa principal eiva?
-A pregunta 4 está relacionada coa 1, e volvo pensar en que non teño nin idea. Postos a contestar, respondería tamén o mesmo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Creo que ler e escribir é un regalo, podería facelo todo o tempo, co descanso, iso si, dunhas cervexas coa xente que quero.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Non sentir que teño que defenderme, que as cousas poden facerse doutro xeito, que debería ser doutra maneira. Ás veces todo está ben, todo flúe no presente. Desarmarse e percibir a beleza é felicidade e pode suceder en calquera momento.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Son nai, a morte dun dos meus fillos éme inconcibible.
8.– Que lle gustaría ser?
-Sempre quixen ser reporteira de guerra, aínda quero, pero xa non vai ser, claro. Mágoa.
9.– En que país desexaría vivir?
-Creo que en calquera. É moito máis importante para min o “como” que o “onde”.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello en toda a súa gama, con especial predilección polo ton do sangue ou do viño.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As calas e as camelias, teñen algo carnosamente rotundo que me fascina.
12.– O paxaro que prefire?
-O paporroibo con ese peito rubio e a cabeciña verde oliva.
13.– A súa devoción na prosa?
-Cando era adolescente morría por Kafka, tamén por Ferrín. Máis adiante Cunqueiro e Beckett foron os meus deuses, agora estaría entre Antoine Volodine, Elfried Jelineck e Angélica Lidell.
14.– E na poesía?
-Sempre volvo a Alejandra Pizarnik e a García Lorca e a Luís Pimentel.
15.– Un libro?
Se o vello Sinbad volvese ás illas.
16.– Un heroe de ficción?
-O vello e derrotado Sinbad.
17.– Unha heroína?
-A Georgina d´Os cinco de Enid Blyton.
18.– A súa música favorita?
-As Variacións Goldberg de Bach, calquera dos albums dos The Smiths, ou un rap de Ayax y Prok.
19.– Na pintura?
-Lucien Freud, Giorgio de Chirico, Marcel Duchamp, Maruja Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Fun alumna de Claudio Guillén e de Ángel Crespo e aínda me conmove recordalos. A xeración do exilio que viviu nun país fantasma e aínda así creou para o país real e que acabou volvendo e recibindo un trato mesquiño dos protagonistas da Transición. Malia levar tantas feridas nas súas vidas eran tan luminosos!!
21.– O seu nome favorito?
-Guiomar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A violencia, a seguridade nun mesmo, a prepotencia.
23.– O que máis odia?
-Odio a aqueles que senten pracer humillando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Franco paréceme unha das figuras máis sinistras e mesquiñas que poidan concibirse.
25.– Un feito militar que admire?
-A revolución dos cravos. Aqueles capitáns con flores na escopeta…
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Gustaríame tanto bailar ben!!
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Con consciencia e sen medo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Alegremente ansioso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Creo que todos os que só prexudican a un mesmo.
30.– Un lema na súa vida?
-“Ten coidado, esfórzate en ser feliz”.”