Entrevista de César Lorenzo Gil a Alberte Momán en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
– Alberte Momán (AM): O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas. (…)
– B: Que novela o reconciliou coa literatura?
– AM: Nunca precisei reconciliarme coa literatura. Ambos soubemos manter as distancias, buscando encontros desexados e ausencias necesarias. A Covid19 provocou que tivese máis tempo libre para ler, obrigándome a permanecer na casa. O que, dalgún xeito, é unha reconciliación, xa que o traballo nos mantiña afastados. (…)
– B: Leva vostede un diario ou un dietario?
– AM: Non, como con todo, son moi pouco constante. Se os diarios se puidesen escribir nun par de horas, completaría varios diarios por día. Non contaría o que realmente me aconteceu, senón o que imaxino que me podería suceder ou, simplemente, o que acontece na ficción do meu cerebro.
Cando teño que tomar nota de algo referente á literatura, evito pensar noutra cousa durante uns minutos, até que o teño tan interiorizado que non sabería diferenciar a ficción da realidade. En canto teño un minuto, escríboo e volvo á normalidade, onde todo é discernimento.
– B: Escribirá as súas memorias?
– AM: Non teño memoria. Espero que algún día, as persoas que me coñeceron se xunten para tomarlle unha cervexa e conten as cousas que eu non podería. (…)”