Letras Galegas 2020: Ricardo Carvalho Calero. Lectura compartida en liña

Desde a Cidade da Cultura:
“A Cidade da Cultura súmase como cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Ricardo Carvalho Calero, figura á que tamén queremos homenaxear e festexar neste gran día desde o Gaiás, contribuíndo a pór en valor o seu labor para dignificar o idioma e a cultura galega, e o seu prolífico traballo como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor.
A nosa xa habitual lectura participativa do 17 de maio trasládase nesta ocasión ao espazo virtual, onde vos convidamos a todas as persoas interesadas a compartir connosco un pequeno vídeo lendo un texto do creador do enigmático Scórpio.

Escolma de textos de Pilar Pallarés
Para isto, propoñémosvos unha escolma de textos realizada pola poeta Pilar Pallarés. Nesta escolla atoparedes unha completa mostra da ampla produción literaria de Carvalho Calero, desde poesía, teatro, ensaio ou narrativa.

Esta lectura compartida será un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación do escritor ferrolán a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían en profundidade a súa destacada produción literaria. Para participar, só tendes que descargar a escolma de textos que vos propoñemos e facernos chegar un vídeo lendo o que máis vos preste antes do 11 de maio. Coas achegas que recibamos, montaremos unha pequena peza audiovisual que compartiremos nesta páxina e nas nosas redes sociais en FacebookTwitter e Instagram o 17 de maio de 2020.”