Gala do Libro Galego 2020: finalistas nas categorías de Banda deseñada e Tradución

A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), coa coordinación xeral da primeira entidade nesta edición, convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

Na categoría de Banda deseñada as/os finalistas son:
A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)
Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva (Edicións Xerais de Galicia)
O bichero IX. Run is life, de Luis Davila (Editorial Luis Davila)

Na categoría de Tradución as/os finalistas son:
Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)
O conto da criada, de Margaret Atwood/Tradución de Celia Recarey e Carlos Valdés (Irmás Cartoné)
O tatuador de Auschwitz, de Heather Morris/Tradución de María Alonso Seisdedos (Edicións Xerais de Galicia)
Pippi Mediaslongas nos mares do sur, de Astrid Lindgren/Tradución de David A. Álvarez (Kalandraka Editora)