Club das lerchiñas | Ledicia Costas

Desde a Cidade da Cultura:
“A Cidade da Cultura botou a andar o selecto e divertido Club das Lerchiñas con creadoras ou fiadoras deses relatos que tanto nos prestan, deses que dá igual que sexas avoa, papá ou rapazada, porque te engaiolan independentemente da idade que teñas e non te soltan ata escoitar o de colorín colorado, dá este conto por rematado.
Cada sábado traerannos os seus contos desde o seu fogar ao noso, porque a narración oral ten esa maxia de non saber de lindes de tempo e de espazo; o que nos permite continuar a escoitar aínda as historias que lles contaban ás nosas tataravoas ou poder gozar neste necesario #quedanacasa de sesións de contacontos en liña axudadas por Internet e polas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter).
O sábado 6 de xuño a convidada é Ledicia Costas, autora viguesa que se dedica profesionalmente á literatura. O ámbito onde é máis prolífica é no da literatura infantil e xuvenil, con 15 obras publicadas. Ten libros traducidos a diversas linguas coma o coreano, italiano, búlgaro, romanés ou persa. É na súa faceta de escritora infantil e xuvenil onde acadou un maior recoñecemento.
Sinopse de Conexión Macarrón
A Espe e a Rino non lles gustan nada os paraugas, por iso agardaban debaixo dun tobogán a que parase de chover cando un señor fúnebre, con roupa, chapeu e paraugas negros, lles preguntou se querían que os acompañase á casa.
Díxolles que era Expósito e que vivía no seu mesmo edificio, no noveno andar. Todo nel lles pareceu sospeitoso: o sombreiro dáballe voltas sobre a cabeza, os seus ollos brillaban cunha potente luz branca, e nalgún momento confesou que tiña antenas.
Estaba claro que non era un «Expósito», era un extraterrestre! Que ían facer agora que coñeceran un extraterrestre de verdade?”