Manuel Portas: “Nutrirme de sensibilidades diferentes á miña, acirrar a miña creatividade, saborear a orixinalidade dos demais, iso é o que significa para min a literatura”

Entrevista de Palabra de Gatsby a Manuel Portas:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): – Comecemos cunha idea forte. Que é para vostede a literatura?
– Manuel Portas (MP): Se tivese que facer unha definición ampla, eu diría que calquera mensaxe lingüística con vontade estética é literatura. A literatura está na vontade de quen escribe e nos ollos e nos ouvidos de quen le ou escoita. Se a defino desde un prisma máis persoal, a literatura é ese estela que me permite navegar por outros mundos, largando amarras e gozando dunha realidade, a literaria, máis alá da que me rodea. Nutrirme de sensibilidades diferentes á miña, acirrar a miña creatividade, saborear a orixinalidade dos demais, iso é o que significa para min a literatura.
– PG: Lembra cando comezou a escribir?
– MP: Supoño que, como todo o mundo, comecei a escribir ripios na mocidade. Axiña despertei ao compromiso coa lingua e iso levoume a centrar os meus intereses na sociolingüística, tanto na acción como na reflexión. Na acción, cando botamos a andar a Mesa pola Normalización e máis tarde na acción política e institucional. E na reflexión, cando preparei unha obra divulgativa, Língua e sociedade na Galiza, dada a carencia que había de visións de conxunto do que estaba a acontecer lingüísticamente no país. Con todo, nunca deixei de ser un lector voraz, nin sequera nos momentos máis intensos da actividade política, principalmente de narrativa. Despois, terminada esa etapa de maior acción social e política, bordeando os cincuenta, recuperei vellas querenzas e mergulleime na escrita creativa, cunha novela Denso recendo a salgado, centrada no mundo do narcotráfico que se desenvolveu nas rías e que a xente da miña xeración viviu na mocidade.
– PG: Como definiría o seu proceso creativo? Cal é a parte máis complicada?
– MP: Non creo que invente a roda se che digo que non teño unha pauta única para a creación. En xeral, todo comeza cun papel, con nomes, con monosílabos, con frechas, debuxos, esborranchando,… Cando xa teño problemas para lembrar que significaba unha frecha ou un ionterrogante, entón paso ás palabras, aos esquemas… e, a partir de aí, entro nas grandes decisións, quen a vai contar, que cores, que tonalidades.
– PG: Cal é o xerme de Cadencias (Xerais, 2020)?
– MP: Cadencias é un cadro impresionista a partir dun ménage à trois atípico. O triángulo amoroso preséntase de xeito fragmentario, como unha serie de fotos fixas cargadas de lirismo nas que a relación amorosa e o sexo aparecen idealizadas. O xerme, como non pode ser doutra maneira, nace do interese por ese topoi tan complexo como é o amor, a relación máis medular de todas as relacións humanas.vai ter esa voz, en que momento da historia comezo, cal é o final que pretendo. Despois, todo é atraizoar esa idea inicial. O máis complicado, cando parar. (…)”