Elba Pedrosa: “Aínda aturamos amores doentes”

Entrevista a Elba Pedrosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Esta novela [O que non sabías] nace dunha historia real?
– Elba Pedrosa (EP): De cativa escoitara moito os contos da familia. Tiña un remexido de historias, e tamén a idea da muller que busca a súa liberdade. Foi unha mestura desas ideas que veñen de hai anos. Quería escoitar, e que se ouvise, esa voz da muller liberadora que sofre a historia.
– LVG: Ten moito que ver coa familia e a muller galegas, coa nosa paisaxe familiar.
– EP: É a historia dunha familia galega que garda segredos do pasado, que se foron herdando de xeración en xeración, e que saen a través de dúas voces, a de Marisa e a do seu fillo, Roberto.
– LVG: O ton é intimista, sobre todo polas cartas de Marisa, esas intensas cartas que envía a un curmán. Por que escolleu esta forma? A voz da nai soa dun xeito moi diferente á do fillo no ouvido do lector.
– EP: Si, son voces moi distintas. Realmente a historia cóntaa o fillo, son as lembranzas da súa infancia e xuventude, e isto permite tamén que poida meter a voz da muller, as pinceladas do contexto histórico, da situación física e social. Pero o que achegan as cartas de Marisa son ese falar na intimidade, unha muller asubiando no seu silencio… Cando un escribe cartas escríbeas desde o silencio, en soidade. Isto permitiume conectar con ela e romper un pouco o ritmo, a rixidez. As cartas van entrando na novela para explicar cousas dende outra perspectiva. O fillo narra a historia familiar dende o seu punto de vista. O dela é outro. Ela acocha os misterios que non contou en vida. (…)”