Entrevista a Manuel Esteban en A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Entendo que esa ‘outra cousa’ da que realmente queres falar nos teus libros é a reivindicación social, e o síndrome de Down en particular, presente na túa vida e as túas novelas. Cres que a literatura é un medio axeitado para transmitir valores e demandas sociais?
– Manuel Esteban (ME): Sen dúbida. Eu non concibo o literatura máis que como ferramenta de transformación e revolución. A narración simple dunhas vacacións de verán, por exemplo, para min non é razón dabondo para escribir. Cando escribín A ira dos mansos o de menos era a historia policial, eu falaba de discapacidade intelectual e quería poñer un espello diante da sociedade para que vise como trata ás persoas con síndrome de Down. Facer unha reflexión sobre onde poñemos a liña da normalidade, que dicta que as persoas boas son as novas, listas e guapas e o inxusto que este paradigma resulta para moitas persoas. Isto resulta moi evidente na primeira novela, pero tamén é a motivación das seguintes, nas que sigo falando de personaxes abandonados pola sociedade, sen voz, ‘os ninguéns’. É o que a min me move como persoa e non podo deixar de lado como escritor.
– AM: Ti es médico de profesión. Ten esta necesidade de poñer sobre a mesa reivindicacións sociais algo que ver na decisión de facerte escritor?
– ME: Exactamente. De tódolos xeitos, cústame aínda recoñecerme como escritor. Considérome máis un lector infiltrado noutro lado. Eu fun oito anos vicepresidente de Down Vigo e pasei moito tempo amosando como se vive a discapacidade, como médico e como pai dun rapaz con este síndrome, pero sempre tiven a sensación de que só chegaba ás persoas que xa estaban interesadas no tema. Tentando explicar a miña experiencia e que chegase a máis persoas, comecei a escribir o que eu sentía, pero de xeito indirecto, pois a literatura permíteme inocular as ideas sen que a xente se sinta directamente sinalada. As miñas historias son escusas para poñer sobre a mesa determinados paradigmas moi asentados e propor outros novos. Esa é a miña motivación na literatura.
– AM: Desde logo a fórmula resultou ter éxito
– ME: Un feito que me pillou totalmente por sorpresa e polo que sinto profundo agradecemento. O primeiro foi, como dicía Murakami, ‘un libro escrito na mesa da cociña’ que nunca pensei que ninguén fose a ler. O segundo escribino con moito medo, sen saber se o éxito do primeiro fora interese real ou simplemente de chiripa. E este terceiro xa é por gusto, intentando descubrir se realmente teño algo que aportar na literatura.
– AM: Publicaches A vinganza dos homes bos en maio deste ano. É moi distinto este lanzamento dos anteriores?
– ME: Si, todo é distinto neste momento. Incluso o proceso da escrita, pois o contexto cambia. Eu non fun quen de escribir unha soa palabra durante o confinamento. E o lanzamento tampouco ten nada que ver, pois do que máis goza un escritor é do encontro cos lectores e o seu retorno. Neste arranque lento e aturdido atopámonos coas limitacións das máscaras, os aforos, a cantidade de eventos…e bótase en falta a vella normalidade. (…)”