“Reunido na cidade da Coruña o sábado día 1 de agosto de 2020 o xurado do 9.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil, convocado por Baía Edicións, composto polas escritoras Marica Campo, que actuou como Presidenta, Ánxela Gracián, gañadora da 8.ª edición en 2018, coa novela As voces da auga, pola profesora e crítica literaria, María Dores Fernández López, polo escritor Pere Tobaruela, gañador, tamén, da 8.ª edición en 2018, coa novela Auga e Lume, e pola directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que actuou, asemade, como Secretaria, acordou, por unanimidade e con moito pesar, DEIXAR DESERTO o Premio Meiga Moira deste ano 2020.
Esta decisión foi adoptada porque ningún dos vinte orixinais recibidos atende as características para ser merecedor do galardón por unha ou varias das seguintes razóns fundamentais: baixa calidade literaria dos orixinais, descoidado uso da lingua empregada nos textos presentados e/ou por non axustarse ás franxas de idade ás que se destina o premio.”