Tomiño: representación de Despois das ondas

“Tralo parón provocado pola Covid19, volve o teatro, e Tomiño arranca o seu outono teatral coa peza Despois das ondas, de ButacaZero, unha peza que da vida á diva coruñesa María Casares e que este outono pasará por Tomiño, Santiago, Oleiros, As Pontes, Vilalba ou Ourense
A cita é o vindeiro sábado 3 de outubro, ás 22:00, dentro da programación de outono do concello de Tomiño. E terá lugar no Auditorio de Goián, de onde precisamente é unha das actrices da peza, Sonsoles Cordón, quen interpreta na peza a unha boa chea de personaxes, incluíndo ao nobel Albert Camus. A peza, que mestura numerosos rexistros en escena, inclúe numerosas coreografías das que a goianesa é non só bailarina senón tamén coreógrafa.
Pero todas as persoas de Tomiño que decidan achegarse ao teatro o vindeiro sábado, non só gozarán de ver en escena á súa veciña, senón que terán a sorte de ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embarcáronse o pasado ano neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.”