Berta Dávila: “A autoficción resultoume a fórmula máis honesta co lectorado e co relato”

Entrevista a Berta Dávila en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que o define como anómalo [Carrusel]? Ten que ver con que sexa unha obra de autoficción?
– Berta Dávila (BD): Polo tipo de libro que é, porque é unha novela breve, enunciada desde unha voz narradora que non é a habitual e porque cando saíu publicado non sabía moi ben como se ía recibir e como se ía ler. Son consciente de que a autoficción é un mal envoltorio, no que caben moitos prexuízos, pero estaba convencida de querer relatar esta historia desde unha perspectiva moi pouco marcada por un narrador externo simulado. E decidín construílo así. Pode supor un risco de cara á recepción e á disposición do libro pero creo que, en xeral, as persoas que o leron entendérono. Foi recibido con moito afecto e iso faime moi feliz. Necesitaba contar esta historia desde unha perspectiva honesta co lectorado e co propio relato e atopei que era a fórmula narrativa que lle acaía mellor á poética do texto.
– ND: En Carrusel hai unha enfermidade, é ela a que leva á escrita ou no proceso da creación agroma a necesidade de falar dela?
– BD: En certo modo, está a idea de que a protagonista fai un exercicio de reconstrución da identidade, que lle permita escribir o pasado e tamén o futuro que lle agarda e, nese sentido, acode ás cuestións que máis decisivamente marcan o seu presente, o seu pasado e a súa expectativa. Entón, a doenza mental que aparece é tratada desde a óptica da propia doente, que era algo que quería facer de determinada maneira. Creo que ten todo o sentido dentro do libro pola relación que presenta unha doenza destas características coa identidade de quen enuncia e coa identidade familiar, no sentido de herdanza xenética e de relación coas persoas que no seu pasado padeceron a mesma doenza, ou coa relación que pode ter a enfermidade coa súa descendencia. De aí tamén o título de Carrusel, que ten que ver coa idea dos cabalos que xiran nunha especie de roda na que hai circunstancias que che tocan, coas que tes que pelexar, e que determinan dunha maneira moi profunda quen es. (…)
– ND: Defina o seu proceso creativo. É un ou son moitos? O mesmo na narrativa que na poesía?
– BD: Creo que, en xeral, o meu proceso creativo non é un, senón que hai un proceso para cada libro. Si que hai algo que é moi constante, e é que son unha escritora de mapa. Din que hai escritoras de mapa ou de compás, aquelas que planifican durante moito tempo ou as que collen un camiño e conducen por el. Para min o proceso da escrita ten moito que ver con que unha novela ou un proxecto medre na cabeza e permaneza moito tempo aí. Que se vaia erguendo un andamio arredor de todo un universo. Despois é cando me poño a construír. Unha vez que sento a escribir, os libros xa levan bastante tempo en min ou en proxecto. Isto é o que máis teñen en común os distintos traballos. Logo, existe unha diferenza notábel entre escribir poesía e narrativa. A primeira ten máis que ver cun proceso case inverso. Van xurdindo os poemas até que me decato de que hai unha colección, e empezo a traballar a arquitectura do libro. Pero, en xeral, cada libro é un proceso distinto e o de Carrusel foi diferente a todos, máis intermitente e máis demorado. (…)”