Feliz Idade, de Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020

Desde Kalandraka:
Feliz Idade, de Olga Novo, publicado na colección Tambo de Kalandraka, vén de recibir o Premio Nacional de Poesía 2020. Esta distinción súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro Galego 2020. O xurado destacou que se trata dun “relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”, relacionando “a maternidade e a morte cunha fonda presenza crítica da memoria histórica”.
Así, o eixe de Feliz Idade é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono. (…)
“A voz poética de Olga Novo, inconfundible e de gran potencia”, afirma o xurado do Premio Nacional de Poesía 2020, “conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria”. Precisamente, en Feliz Idade xúntase a pegada de voces literarias diversas, dende Rosalía de Castro ou Luís Pimentel, a John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas.
Vidas, persoas e historias son a materia prima deste libro que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións dunha familia. Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada dende a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte -con autenticidade e paixón- a evolución da vida. (…)”