Desde a Xunta de Galicia:
“O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron a dixitalización da revista Nós, que supoñen un paso adiante na difusión estatal e internacional da publicación ao converter en formato libro electrónico a totalidade dos exemplares e ao poñer en marcha unha nova web que recolle todo o universo Nós, coincidindo co centenario do primeiro número da revista.
O secretario xeral de Cultura salientou a relevancia desta iniciativa que supón que Galicia “recupere o legado da Xeración Nós en clave do século XXI” xa que, como engadiu, “un século despois do seu nacemento, a revista Nós recupera os seus materias en formato electrónico para un mellor acceso, acorde coas novas canles de acceso da información”.
Como explicou Anxo M. Lorenzo, a novidade do proxecto presentado hoxe vén dada pola conversión a formato ePub dos 144 números da revista, 100 dos que xa están preparados e son accesibles desde Galiciana BDG para a súa descarga multicanle. Trátase dunha extensión de ficheiro electrónico que permite unha compatibilidade coa meirande parte de dispositivos electrónicos, incluíndo redes móbiles.
Pola súa banda Mar Pereira sinalou que o obxectivo desta iniciativa é poñer a disposición do público en xeral uns contidos de alto valor cultural, aplicando técnicas innovadoras baseadas na Intelixencia Artificial, coñecidas como grafo de coñecemento, que permiten navegar polos contidos da revista e achegarnos ao seus autores modo de relato histórico enlazando os fitos históricos que marcaron a súa época.
A directora da Amtega explicou que dixitalización destes contidos é un paso máis na construción da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa a longo prazo e que se está desenvolverse en colaboración con toda a sociedade galega e de todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego para garantir a conservación do patrimonio cultural de Galicia e facilitar o seu acceso universal a través da internet.
Ademais da conversión en libro electrónico, tamén se presentou a posta en marcha da nova páxina web revistanos.gal, que recolle todo o universo de Nós permitindo explorar directamente no corpo dos textos da revista, por medio das relacións que se establecen entre os colaboradores na historia da publicación. Deste xeito, a través dun grafo do coñecemento, inclúense os datos das persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus quince anos de vida. Este grafo facilitará a busca de documentos específicos para usuarios non expertos.”