“A esperanza indócil de Manuel Rivas”

Entrevista de Lois Alcayde Dans a Manuel Rivas no Salto Galiza:
“(…) – O Salto Galiza (SG): Zona a Defender pode chegar ao íntimo e ten a capacidade de facer dano, de revolver da vergoña da estupefacción ante a realidade. Se en Contra Todo Isto (2018) resoaba a palabra vergoña… aquí falas do “decoro”.
– Manuel Rivas (MR): Son dúas palabras pouco habituais nos discursos, hoxe falar de decoro soa así como vintage, algo anacrónico, do XIX, propio da prosodia demodé. De repente é o milagre que teñen as palabras, palabras antes en desuso, agochadas, acadan un novo significado, volven a ter o brillo especial. Os discursos políticos e mediáticos son case sempre previsibles, están fosilizados, as palabras están sometidas á taxidermia, palabras cazadas, non veñen a acompañarte. O extraordinario de escribir é cando percibes, nun momento determinado, que as palabras veñen dicir, que che consideran un espazo, un bo lugar onde estar incluso físicamente. Un deixa de ser un lugar hostil para a linguaxe. Os discursos do adoutrinamento, que vemos que dominan o panorama, os discursos de Guerra Fría, de arenga, impositivos… son os que van encamiñados sempre ao berro final dun “Viva España!” ou similar. Parece que moitos discursos van enfocados a esa especie de estalo dominante. Este libro non é un libro programado a vontade; de cando en vez coméntanche as editoras, “por que non publicas isto?” Non me gusta o xeito de publicar unha escolma que consiste en recoller artigos previos e volcalos nun libro. Fixen unha selección de mesmo non aqueles que poderían ser máis “clicks” ou provocadores, non… O que hai para min é algo novo, xa que están revisados. Isto naceu non da vontade de ter que facer un libro senón da necesidade. Estou a realizar unha novela, estou a escribir poemas… Os poemas teñen para min esa condición de mistos, de fósforos porque fosforecen as palabras, os poemas axúdanme a aprender e poñer en marcha a narrativa. Son como amorodos salvaxes. Cando de verdade me sinto ben escribindo é cando me decato do andar do vagabundo.
– OSG: O de Charlot.
– MR: Xusto. Un cando camiña ás veces anda pola liña do horizonte e fai asi, —move levemente os brazos dunha beira a outra— fas funanbulismo, estás vendo o visible o invisible entre a vida e a morte, a luz e a escuridade. Mentres non consigo esa posición cústame moito escribir. Custoume escribir na pandemia. Este non é un libro da pandemia, a pesar de que a pandemia esté na atmosfera.
– OSG: Planea a pandemia pero é un libro de xeito camusiano, no sentido de que a palabra é verídica e honesta, o que lle outorga atemporalidade, mais nomeas a un Rafael Hernando, a un Xi Jinping… é dicir, citas que serán identificables de xeito histórico en cen, douscentos anos. Tocas un camiño que, como ti dirías, forma parte desa liña do horizonte que permea todos os tempos e lugares.
– MR: O círculo do que nace isto é dunha inquedanza anterior e posterior a todo isto. A pandemia para min é un círculo que estamos vivindo con máis intensidade, xa que implica supervivencia, sanidade: é unha peste. Pero esa peste é un círculo de pestes maiores que abranguen esa enfermidade. Nunha era que defino como Era Mayday. O mayday é unha alerta de socorro por algo que está en xogo. No mar non se pode facer de xeito banal unha chamada mayday, esa chamada no mar significa que hai en xogo vidas. Hai outro tipo de chamadas que indican un tipo de accidente, pero a mayday é a chamada de verdade. Estamos nunha Era Mayday que é a dunha emerxencia climática, unha guerra contra a natureza que está a provocar a nivel planetario unha desfeita do fogar, do noso fogar que é o planeta. As ZAD (Zone Á Deféndre) naceron en Francia e se foron multiplicando dende a súa lugar de orixe, Limoge, atoparon espazos, crean medios de comunicación, bibliotecas… Pero hoxe en día todo o planeta é unha Zona a Defender. Esta é unha peste que está inmersa na aceleración, tamén a peste se acelera, nunca se viu tan claro o efecto bolboreta. (…)”