Desde Nós Diario:
“O proxecto expositivo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Xela Arias. A poesía do retrato presentouse no Pazo de San Marcos (Lugo). Trátase dunha mostra composta por textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e 2001, que se complementa cun catálogo.
A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético. Esta mostra amplíase até as 53 no catálogo que a acompaña.
As fotografías retratan a poeta Xela Arias posando con determinación e sen artificios para o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos.
“Hai moi poucas fotografías que sexan roubadas, que sexan do doméstico, en xeral, son fotografías que recollen posturas ou posados nos que ela controla a imaxe que quere transmitir”, sinalou o autor na presentación. Tamén aludiu ao proxecto poético Tigres coma cabalos como “precedente da relación artística entre ambos”.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, indicou que esta é “unha fórmula explosiva que responde á vontade de sacar a poesía de Xela Arias á rúa; de sacar o lector da cadeira, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e doutras intervencións que achegaban a poesía a linguaxes e públicos diferentes”.
A exposición comezará o seu percorrido polas comarcas do nordeste do país, o día 1 de maio, en Sarria, a localidade natal da autora, e estará instalada en paneis distribuídos polo centro da vila até o día 20.
A continuación a mostra viaxará á cidade de Lugo, o 21 de maio; a Chantada, o 22 de xuño; Monforte de Lemos, 9 de xullo; Viveiro, 3 de agosto; e a Ribadeo chegará o 27 de agosto, onde quedará até o día 27 de setembro.”