Desde Nós Diario:
“Alexandre Brea, creador de A poesia está morta xunto co seu compañeiro Álvaro Toimil, explica en que consiste o proxecto, estreado o 31 de decembro do pasado 2020, e fala da temática dos poemas que o conforman. Brea, autor dos textos, e Toimil, creador dos vídeos e da estética das pezas, pretenden actualizar o formato da poesía tradicional mediante a produción de obras audiovisuais que poidan resultar máis atractivas para a mocidade.
– Nós Diario (ND): En que consiste o proxecto? Como xurdiu a idea?
– Alexandre Brea (AB): O proxecto nace ao reflexionar sobre o formato atrasado da poesía que impide que moita xente a consuma. Comparando a situación da poesía coa da música, vemos que non hai ningunha canción que non teña o seu videoclip, polo que o paso lóxico sería crear pezas audiovisuais tamén para os poemas. O título A poesia está morta non mostra un aspecto negativo desta, senón que, con el, intentamos reafirmar a oportunidade de que a poesía poida renacer mediante a súa actualización. Álvaro, o meu compañeiro do proxecto, e mais eu, decidimos traballar conxuntamente co fin de producir vídeos que acompañasen os meus textos, creando, desta forma, pezas únicas cuxas partes se complementasen entre si. Dado que, en moitas ocasións, os poemas presentan certas partes de difícil comprensión, pensamos que asociar os versos con imaxes é unha moi boa solución.
Existe unha produción de poesía galega excelente e é unha pena que os e as poetas sexan tan descoñecidos. Con este proxecto pretendemos chegar a moita xente, principalmente á mocidade, facendo da poesía unha peza máis atractiva que non cause rexeitamento; por iso nos movemos, principalmente, por Instagram e Youtube.
– ND: En canto á metodoloxía de traballo, que pasos levan a cabo para realizar as publicacións?
– AB: Os poemas xa os escribira eu tempo antes de presentar o proxecto. No referido á planificación dos vídeos, foi un traballo conxunto dos dous no que deixamos correr a nosa imaxinación. O proceso durou case dous anos, pois un deles foi exclusivamente para a realización dos vídeos, dado que todo o producimos nós: gravamos, montamos, editamos e mesmo preparamos escenarios como o deserto e a chuvia artificial da última peza. Actualmente xa están publicados nas nosas redes os nove poemas que conforman A poesía está morta, pero temos aínda moitas ideas para o proxecto. Ademais de seguir publicando textos, gustaríanos presentar o proxecto en formato físico, quizais nunha lámina ou mesmo nun despregábel. Pensamos que pode ser un proxecto que dure no tempo, nós desde logo imos seguir traballando nel.
– ND: Como explicaría as temáticas das pezas que conforman A poesia está morta?
– AB: Os textos deste poemario son moi persoais. O interesante é que todos están relacionados e contan distintas partes dunha mesma historia. Falan de que todos estamos condenados a cometer os mesmos erros, pero tamén das cuestións positivas que se poden lograr deles. Narra a fin dun mundo e a creación doutro, identificado cun deserto que simboliza a morte, mais tamén o propio renacer. As pezas contan con reflexións filosóficas sobre a vida, o paso do tempo, a memoria… e están moi inspiradas nas miñas vivencias persoais, pero tamén na nosa sociedade de consumo que provoca que vivamos hipnotizados e hipnotizadas polas pantallas. Con estes textos pretendía expresar a decadencia creativa da sociedade e de como esta afecta o protagonista a nivel persoal, cuxa vitalidade se vai apagando pouco a pouco. (…)”