A Galiza feminista, un libro para “sobrevoar os dous polos do feminismo galego”

Entrevista de Ana G. Liste a Miriam Couceiro Castro en Praza:
“″Fai falta que chegue moita xente nova ao feminismo″, defende Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985), que vén de publicar o libro A Galiza feminista. Tebras e alboradas na colección Feminismos da editorial Galaxia. Nel traza un relato desde a súa experiencia propia, no momento no que foi consciente dos efectos do patriarcado no seu día a día, ata unha descrición máis xeral do que é o movemento feminista desde unha perspectiva histórica, ata chegar á Galicia de hoxe. Todo cos beizos pintados de cor vermella, como a súa avoa Manolita cando lle cantaba aos anciáns da residencia na que traballaba.
″Con este libro espero sobrevoar os dous polos do feminismo galego e que haxa un punto de unión″, explica co convencemento de que o feminismo é político en si mesmo e debe apostar polos espazos de confluencia. Escritora, socióloga e doutora en Equidade e Innovación Educativa pola Universidade da Coruña. Foi precisamente a súa mudanza á cidade herculina a que lle provocou o cambio que a achegou ao feminismo desde as aulas da Facultade de Socioloxía.
″Sabía que dende nena me sentira moi rara por non seguir un canon, sabía que me incomodaba sentirme diferente, sabía que me doía non ser capaz de quererme a min mesma, incluso me atrevo a dicir que non sabía que non me quería a min mesma″, conta Miriam Couceiro no prólogo do libro. Foron estes sentimentos, e moitos outros que conta no seu podcast A Ollada Violeta, os que comezou entender cando a súa profesora de Teoría sociolóxica, Rosa Cobo, lles falou de feminismo en clase.
“Rosa foi a persoa que me abriu a cabeza ao feminismo. Empecei a ler todo o que caía nas miñas mans. Despois, cos anos, estivo no meu tribunal da tese. Para min é unha mestra, que nos dotou a todas dun aparato académico e conceptual brutal. Hai outras mulleres que berran detrás de pancartas, porque tamén hai que berrar, pero necesitamos todo tipo de feministas. Aínda que ao final, moitas veces vas evolucionando e xa non estás de acordo con todo o que di Rosa Cobo, pero a valoro e a respecto; é un referente para min″, salienta.
A discrepancia da que fala Miriam Couceiro nunca lle foi allea ao movemento feminista, mais nestes tempos asistimos a unha discusión nun marco novo: ″Eu creo que agora estamos nun momento moi delicado, as compañeiras que teñen máis idade rin porque din que delicado foi sempre, pero vexo unhas liñas vermellas que son o tema das mulleres trans, a prostitución e a invisibilidade doutras realidades, porque ás veces quedamos no noso feminismo de mulleres brancas occidentais e esquecemos que hai mulleres racializadas e outros feminismos que non están en Europa, dos cales temos moitísimo que aprender″.
Para Couceiro, a situación actual pode supoñer unha onda de crecemento moi grande para o feminismo, pero tamén pode debilitar os seus piares. ″Eu creo que hai que discrepar e facelo desde o afecto, sempre desde o respecto, e non desde unha posición de guerra. Así afastamos a moitas mulleres novas que se queren achegar ao feminismo e tamén a moitas mulleres de maior idade que se poderían achegar a través deste libro, pero que nos ven poñéndonos verdes nas redes sociais entre abolicionistas, regulacionistas, unhas que lle chaman ás outras transexcluíntes (terf)… Cando berramos algo temos que pensar en todas as posibilidades e debemos aprender a falarnos para construír xuntas″, razoa.
“Vexo moitos extremos. Están as mulleres académicas, as mulleres na política, e en partidos políticos; mulleres que xa están cansas das institucións e non queren saber nada delas, e teñen tamén certo receo cara ás que están en partidos políticos ou institucións″, sinala Couceiro, que tamén observa esa polarización a partir das referentes: ″Se nos fixamos en Rosalía de Castro e en Emilia Pardo Bazán, esta última é referencia das mulleres do centro e da dereita, mentres que todo o universo de Rosalía ten máis que ver coas mulleres que estamos máis identificadas coa esquerda e co galeguismo″. (…)”