Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 22 de xullo

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 22 de xullo:
Tarde 18:30
Abracadáver, de AsSircópatas
Duración: 45 minutos
Idade recomendada para todos os públicos
Volve Rogelio, cun espectáculo desde a súa casa. Unha cura colectiva para perder o medo. Unha terapia de choque. Cos números de circo máis terroríficos que xamais se viron e que nos porán os pelos de punta. Malabares, faquirismo, acordeón, equilibrios e moitas sorpresas máis non aptas para cardíacos.

Tardiña 21:00
Vigo-Xinzo-Lalín-extravío
Chus Pato, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón e Leo Arremecághona
Cómpre transitar o verso como unha estrada do mar, unha pista forestal, a segunda vía. Apartarse do camiño na procura da promesa, coma situacionistas de Debord. Chus Pato, unha das voces fundamentais e de máis percorrido internacional da poesía galega contemporánea, a poética críptica e exploratoria de Oriana Méndez e o ensamble de versos con ecos do Delta de Matamá: a reivindicación do rural coa poesía lúcida de Xabier Xil Xardón e a transgresión rebelde do Leo Arremecághona. Extravío para respirar.”