Entrevista a Antón Riveiro Coello desde De Vella a Bella, por Charo Valcárcel:
“(…) – De Vella a Bella (DVB): Antón, a primeira pregunta supoño que cha terán feito moitas veces, pero non por iso me parece menos interesante coñecer a resposta: Por que escribes? Cando te decataches de que querías dedicarte a isto? Eras xa un neno de dez en redacción no cole?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Escribo coma un acto de proclamación da miña existencia ou talvez, na miña condición de limiao, porque gusto do disfrace e de me travestir para ser o que non son, para residir temporalmente no outro, no estraño, en alguén que intento coñecer coas palabras.
En canto ao momento en que me decatei de que me quería dedicar a isto, foi de xeito serodio, cando tiña uns vinte e catro anos. E, como moitas veces acontece na vida, non fun eu quen descubriu o talento senón unha moza á que quixen seducir con poesías e que, por sorte, aínda segue ao meu carón, igual que a literatura.
E si, a redacción sempre foi o que mellor se me deu. Aprobei moitos exames, mesmo na universidade, non polo contido senón pola forma en que estaban escritos. Iso, dalgún xeito, compensaba a miña vagancia.
– DVB: Es un escritor moi premiado, con premios moi importantes, entre eles o Premio da Crítica española por Laura no deserto, ademais do Torrente Ballester, García Barros, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Frei Martín Sarmiento, etc.) Ata que punto son importantes os premios na carreira dun escritor? Algunha vez escribes pensando nun en concreto?
– ARC: Non. Nunca penso nun premio cando escribo. De feito, este ano pasado presenteime a un premio despois de vinte anos sen facelo. Nestes últimos anos importoume moito máis o traballo de edición e non tiña esa necesidade que si tiven cando comecei porque quería confirmar a miña vontade de escritor e tamén atopar unha editora como Galaxia que confiase nos meus textos. Esa é a función principal dos premios, abrir camiños, ademais de lles dar un pouco máis de publicidade, espazo e recoñecemento ás túas novelas.
– DVB: A túa obra ten unha temática moi variada desde historias conmovedoras a outras mesmo inquietantes, novela histórica, novelas que reflicten un compromiso social, relatos fantásticos… e así mesmo escribes tanto relato curto coma novela e hai pouco publicaches un libro de microrrelatos En cal dos subxéneros narrativos te sentes máis a gusto?
– ARC: Son narrador e, dependendo da historia que queira contar, adopto unha forma ou outra. Aínda que recoñezo a miña querenza pola novela, que me ofrece outras posibilidades máis acordes co meu estilo e a estrutura coa que gusto de artellar as historias.
– DVB: Supoño que ao longo dos máis de vinte anos que levas escribindo e publicando aprendiches moitas cousas sobre ti como escritor. Cres que es moi diferente ao escritor que eras cando comezaches?
– ARC: Supoño que o estilo se foi depurando moito máis e deixei atrás a impaciencia que tiña por rematar as novelas. Agora son moito máis reflexivo e procuro traballar os textos até a extenuación. Intento entregar o mellor de min en cada libro por respecto a quen me le e, sobre todo, porque aínda confío no poder da literatura.
– DVB: Nalgúns dos teus textos, nomeadamente nos últimos, sitúas boa parte da acción fóra de Galicia e poboas as túas historias de personaxes non galegos que protagonizan tramas que pouco ou nada teñen que ver con Galicia… É unha casualidade ou unha elección intencionada? Cres, que é necesario deslocalizar a literatura galega, mirar máis cara fóra (sen abandonar totalmente o referente galego, como fas en ambas novelas)?
– ARC: Vivimos nun mundo global e tanto me ten que as historias acontezan en Siria, Nova York ou Xinzo de Limia. Iso si, case sempre hai puntos de conexión co meu país a través dalgún personaxe. É un fío co que quero conectar Galiza co resto do mundo. Non creo que hoxe haxa ningún creador que queira circunscribir sempre o ámbito de actuación das súas novelas ao mesmo espazo. (…)”